A recuperación que non chegará sen apostar pola innovación

Concentración de investigadores na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

Galicia saíu da recesión, pero nin os seus terribles efectos nin a crise remataron aínda. O Foro Económico de Galicia advírteo así no seu Informe de Conxuntura Socioeconómica, presentado este luns, e no que alerta que queda moito por facer aínda para que se poida crear emprego neto. Para logralo e para saír do túnel, esta plataforma que une empresa e universidades sinala un maior investimento en innovación, investigación e desenvolvemento como a clave e o "valor seguro" para deixar atrás o pesadelo. Non obstante, o país segue a ser das autonomías que menos se preocupa polo I+D+i, cun recorte continuado do investimento que pasou do xa exiguo 0,96% do PIB en 2009 ao 0,87% de 2012, un descenso este do 6,5%, superior ao do conxunto do Estado. Sitúase así a comunidade nos últimos postos en canto a aposta pola innovación no Estado, segundo o estudo La Inversión en I+D+i en España.

O Foro Económico de Galicia centra na aposta pola innovación a clave para abandonar a crise en Galicia

Pero o Foro teno claro. A saída da recesión e a mellora gradual das taxas negativas de crecemento do PIB "deben verse como un primeiro paso para a necesaria recuperación económica de Galicia", pero para acadar ese crecemento positivo e crear emprego neto é necesaria "unha mellora do acceso ao financiamento a familias e empresas, así como fortalecer o sector exterior". E para fortalecer este último, non queda outra que "fornecelo de instrumentos necesarios para gañar cota de mercado e investimentos", ademais de "potenciar a mellora do capital humano e investimento produtivo, engadindo maior valor aos nosos produtos". En definitiva, investir en I+D+i, o pulo necesario que faría efectivo o bo comportamento das exportacións e do sector industrial nos últimos meses.

"Hai que potenciar a mellora do capital humano e investimento produtivo, engadindo maior valor aos nosos produtos"

Pero a Xunta incumpriu as súas propias previsións de investimento en innovación, malia que ten no cluster da automoción o exemplo que, como destaca o Foro, deberían tomar outros sectores como o naval, que leva o camiño contrario. Ademais, esta plataforma albisca tamén outro ámbito do que Galicia debería coller exemplo. Porque as taxas de nacemento empresarial no caso das empresas de alta e media alta tecnoloxía e nos servizos avanzados son superiores á media estatal. "Unha maior creación de empresas e a xeración de emprego de calidade nestes sectores incidiría nunha mellora da produtividade empresarial noutras ramas de actividade", destaca.

Porque priorizar os ámbitos e sectores claves na economía do país é fundamental segundo o Foro. "É necesaria unha estratexia global, coherente, consensuada e ambiciosa que priorice as iniciativas de vital importancia para a sociedade galega, contemplando os indicadores de control e seguimento, os responsables da súa execución e un calen­dario detallado da mesma", di a plataforma no Informe, que insiste nesa estratexia detallada que os expertos levan reclamando anos.

Os expertos piden "unha estratexia global, coherente, consensuada e ambiciosa que priorice as iniciativas de vital importancia para a sociedade galega

E ao tempo, o investimento en I+D en Galicia retrocedeu a niveis de 2005, aínda no goberno de Manuel Fraga, e incrementou o seu diferencial negativo con España. Ademais, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 "asume como obxectivo xeral a converxencia do esforzo galego en I+D+i co esforzo do conxunto de España, que en ningún caso debe ser inferior ao 2% do PIB no ano 2015, cifra que nos porá na senda de acadar o obxectivo fixado pola UE para o ano 2020 do 3% do PIB". Pero a tendencia marcada pola Xunta nos últimos catro anos é xusto a contraria.

E por aí non hai camiño. O Foro Económico de Galicia lembra tamén no seu documento o dato "especialmente preocupante" do importante aumento do número de parados de longa duración, así como a elevada taxa de paro entre a mocidade. E recorda tamén que "tanto en termos trimestrais como anuais", o país sitúase a finais de 201 como a terceira comunidade con maior caída da súa poboación activa e tamén a terceira con maior descenso da ocupación en termos absolutos. "A capacidade de recuperación do mercado laboral galego e o español son similares", advirte o Informe, que insiste en que sen unha estratexia global e consensuada, sen priorizar sectores importates para a sociedade e sen apostar pola innovación, ese rexurdimento será moito máis difícil. E será un rexurdir peor.

Foto de grupo do Foro Económico de Galicia © Foro Económico de Galicia
Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.