Repsol anunciou este xoves a intención de aplicar un ERTE (expediente de regulación temporal de emprego) por causas produtivas e para un máximo de 212 traballadores --o 31% do persoal-- na súa refinería da Coruña.
Repsol xustifica a decisión na pandemia, o descenso do consumo pola redución da mobilidade ou a "incerteza" da transición enerxética
Comunicada xa ao comité de empresa, Repsol xustifica a decisión na pandemia, o descenso da mobilidade e a incerteza sobre a volta á normalidade. A compañía explica nun comunicado que "a crise derivada da pandemia xerada pola COVID provocou unha contracción do consumo do petróleo inédita, coa maior caída da demanda global da historia, tanto de hidrocarburos como dalgúns dos seus produtos derivados como o coque". Así, avirte de que a situación é "sostida no tempo" e mantén "uns consumos de combustibles para a mobilidade moi inferiores aos agardados".
Repsol tamén sinala á transición enerxética e á "incerteza" que esta provoca pola necesidade de grandes cambios nas instalacións da refinería nos vindeiros anos, aínda que asegura que priorizou nun principio a continuidade da actividade na refinería malia a caída da demanda.
Xa que logo, a compañía pretende reducir a actividade produtiva e, daquela, os custos operativos ante a caída xeneralizada de prezos dos hidrocarburos e da demanda, tanto interna como externa.
A proposta de ERTE foi anunciada tamén ás autoridades locais e autonómicas por parte de Repsol, que defende a medida como "socialmente responsable" e dirixida á transformación eficiente do complexo industrial no horizonte 2025, ademais de garantir os seus compromisos de investimento na refinería.
Nas primeiras reaccións, os sindicatos rexeitan este ERTE que cualifican de "despropósito". "O mantemento dospostos de traballo é o pilar fundamental no que se sustenta a supervivencia da refinería, polo que queremos deixar claro que non sobra ninguén", di a CIG, central con maior representación no comité.
CIG e CCOO rexeitan un ERTE que consideran un "despropósito" e unha medida "inxusta"
Pola súa banda, desde CCOO, segundo sindicato con máis delegados, din non entender a medida "contra un persoal que en cuestión dun ano pasou de ser considerado 'esencial' —acudindo mesmo ao seu posto de traballo sen os protocolos sanitarios adecuados nos primeiros momentos da pandemia— a 'prescindible".
"Dificilmente unha parte tan pequena do problema, como os custos laborais, pode ser unha parte significativa da solución", di CCOO, que considera "inxusta" a medida.
A CIG coincide tamén en non "compartir nin entender" as razóns que dá Repsol para impulsar o ERTE, "máis tendo en conta que o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está a producir agora mesmo".
"Parécenos miserable que a empresa intente sacar tallada desta situación de pandemia para cargar nas costas dos de sempre as rebaixas salariais que propón na negociación do acordo marco e amedrentarnos a través dun ERTE totalmente inxustificado", di a central, que aposta por promover a "unión sindical" para dar "unha resposta adecuada" á proposta de expediente.