A sangría continúa: no último ano hai 25 mil mozos e mozas menos en Galicia

Unha moza nun aeroporto CC-BY-SA Cadernos.net

Seguen marchando. Pódese debater se a crise tocou fondo, se xa comezou a recuperación, se hai unha luz ao final do túnel, se chove máis ou menos ou se hai agromos verdes. Pero a estatística ofrece en moitos dos seus indicadores unha realidade teimuda. Os mozos e mozas galegas seguen marchando a outros territorios na procura dun emprego ou dun mellor emprego, de oportunidades, da posibilidade de construír as vidas segundo o seu proxecto persoal e non só aproveitando as mínimas opcións que lles pode ofrecer nun certo momento o seu país.

En 2007, xusto antes de que comezase a crise económica, residían en Galicia 685 mil persoas de entre 16 e 35 anos. Hoxe, segundo os datos que reflite a última entrega da Enquisa de Poboación Activa (EPA), feita pública a pasada semana, son tan só 530 mil, 135 mil menos. É dicir, un 20% menos, un de cada cinco. E o sangrado non diminúe. Con respecto á EPA do terceiro trimestre de 2013, hai en Galicia 24 mil mozos e mozas menos (unha redución do 4,3%).

O descenso prodúcese sobre todo no grupo de idade entre 25 e 34 anos, xusto o momento en que unha persoa nova entra de cheo no mercado laboral e constrúe o seu futuro. Hoxe hai en Galicia 102 mil mozos e mozas desa idade menos, case un 24% de caída dende o ano 2007. Por sexo, apenas se atopan diferenzas, o descenso é xeral entre homes e mulleres. Tamén marchan aqueles que se sitúan entre 35 e 39 anos; con respecto ao último ano hai case dúas mil persoas en Galicia nesas idades.

Como produto disto e do envellecemento xeral da poboación, os grupos de idade máis avanzada gañan peso. Hoxe, os galegos e galegas entre 16 e 35 anos representan o 19,5% do total; a poboación entre 35 e 44 anos o 16,3%; a poboación entre 45 e 54 anos o 15%; a poboación entre 55 e 64 anos o 13%; e os maiores de 65 anos o 23,4%. Hai sete anos, en 2007 os mozos e mozas entre 16 e 35 anos eran o 24,1% da poboación, case cinco puntos máis que na actualidade. Os que tiñan entre 35 e 44 anos eran o 15,1% (un punto menos); os que tiñan entre 45 e 54 anos eran o 13,8% (un punto menos); os que tiñan entre 55 e 64 anos eran o 12,3% (unhas décimas menos); e os maiores de 65 anos eran o 21,3% (dous puntos menos).

  2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
16-24 anos 268 257 249 241 232 224 217 210 204
25-34 anos 430 428 424 415 402 385 366 346 326

Poboación residente en Galicia por grupo de idade (2007-2014), en miles. Fonte: EPA

O presidente Feijoo negou en varias ocasións que Galicia tivese un problema de emigración xuvenil e responsabilizou de datos coma os que se comentan no comezo deste texto ao proceso de envellecemento da poboación. "Temos un problema demográfico evidente, pero non temos un problema de emigración de mozos", afirmou este mesmo mes de abril. É evidente que unha parte dese descenso do número de galegos e galegas con idades entre os 16 e os 34 anos se debe a unha situación de natalidade baixa e de non atracción de inmigración nova. Pero trátase só dunha parte.

O presidente Feijoo negou en varias ocasións que Galicia tivese un problema de emigración xuvenil

A poboación menor de 30 anos con traballo descendeu un 37% dende o ano 2000, pasando de 580.000 persoas a unhas 370.000 na actualidade. Outros datos confirman un escenario moi negativo para a mocidade galega e explican que busquen de forma masiva oportunidades noutros territorios: Un informe realizado por CC.OO. en 2013 alertaba de que 8 de cada 10 empregos perdidos no último ano corresponden a menores de 35 anos.

Os datos tamén alertan dun incremento dos parados de longa duración entre a mocidade galega

Segundo datos do Observatorio de Emancipación do Consejo de la Juventud, os salarios que reciben os mozos e mozas galegas son os terceiros máis baixos de todo o Estado (só por riba dos de Canarias e Estremadura). Ademais, no ano 2009 case cen mil galegos de menos de 30 anos vivían fóra da casa de pais e nais; hoxe esa cifra é de menos de 79 mil, vinte mil menos, o que deixa a taxa de emancipación no 21,8%, fronte ao 39,7% anterior á crise. Os datos tamén alertan dun incremento dos parados de longa duración entre a mocidade galega: a metade dos e das desempregadas de menos de 30 anos levan máis dun ano buscando emprego, e esa porcentaxe crece até o 55% nos que teñen entre 30 e 35 anos.

Dende o 2010 un 46,7% dos galegos e galegas que emigraron tiña menos de 29 anos e outro 39% tiña entre 30 e 44

En definitiva, seguen marchando. E marchan os máis novos e os mellor formados. Un fenómeno, coñecido como brain drain (fuga de cerebros), que segundo os expertos "debilita o potencial produtivo da rexión de orixe dos emigrantes", como poñía de manifesto un estudo de Fernando González Laxe, Federico Martín Bermúdez e Federico Martín Palmero, publicado hai uns meses na Revista Galega de Economía. O estudo destacaba que dende o 2010 un 46,7% dos galegos e galegas que emigraron tiña menos de 29 anos e outro 39% tiña entre 30 e 44. Ademais, preto dun 60% dos galegos contratados noutros territorios presentaba "un grao de cualificación representativo", con formación universitaria ou cunha formación profesional especializada.

Mocidade nun acto da Xunta sobre emprego xuvenil © Xunta
Protesta de mocidade emigrada en Berlín CC-BY-SA Cadernos.net
Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.