A seca asfixia as explotacións leiteras cunha suba do 50% nos custos de produción

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Galicia vive un período "extremadamente seco". Despois dun ano 2011 cun volume de precipitacións sensiblemente inferior ao habitual os primeiros dous meses de 2012 prenderon todas as alarmas. Os rexistros acumulados entre 1971 e 2000 din que, entre xaneiro e febreiro, en Galicia adoitan caer máis de 300 litros de auga por metro cadrado. Este mesmo período do presente ano Meteogalicia apenas rexistrou 50 litros. O último informe redactado por este organismo amosa ás claras a gravidade da situación tras un febreiro que, en xeral, foi "o máis seco dende 1961" e, en casos particulares como os de Santiago ou Pontevedra, "o máis seco dende que hai rexistros", isto é, dende a década dos anos 20 do pasado século. Neste escenario comezan a xurdir temores en ámbitos como o abastecemento de auga a medio prazo para os grandes núcleos de poboación do país, pero onde xa están prendidas todas as alarmas é nos sectores agrario e gandeiro.

Os custos de produción do leite pasan de 6 a 9 euros por vaca e día, segundo os primeiros cálculos do SLG

Ademais de en litros por metro cadrado o impacto da seca no sector gandeiro mídese en euros baseándose nun esquema doado de comprender. Tras un 2011 sen un volume normal de chuvias comezou a resentirse a produción de forraxes e o agravamento da seca non fai máis que esgotar os recursos propios. Polo tanto, os profesionais da gandaría non teñen máis saída que mercar alimento para os animais e isto repercute directamente nos custos de produción. Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) o seu secretario de sectores gandeiros, Adolfo Cabarcos, explica para Praza Pública que o pasado ano os custes medios de alimentación nunha explotación leiteira media estaban "entre os 22 e os 26 céntimos por litro", isto é, "no entorno de 6 euros por vaca e día". Na actualidade, sinala, cada vez máis explotacións teñen que mercar "toda a alimentación" do gando vacún, cun incremento dos custos que roldan o 50%, chegando "aos 9 euros por vaca e día, 700 euros diarios nunha explotación media".

Aínda que cuns prezos un chisco inferiores, a situación non é mellor no vacún para carne. "A herba seca que se adquire fóra, habitualmente dunha calidade paupérrima", sinalan dende o SLG, está "entre 45 e 50 euros o rulo", aos que lles hai que engadir produtos para elaborar un alimento axeitado para as vacas. Neste contexto, unha explotación de 80 reses de carne "estaría gastando en torno a 300 euros diarios" en alimento. "Hai explotacións que xa están a mandar vacas ao matadoiro para aforrar" e, ao tempo, para "obter liquidez" que permita facer fronte aos gastos máis urxentes, explica Cabarcos, quen sinala ademais que a seca prolongada obriga a novos investimentos "en captación de mananciais" ou "cisternas para traerlles auga aos animais".

Un adianto de axudas "insuficiente" e "irrisorio" dende a Xunta e a UE

Diante dun problema no que o ambiental e ecolóxico se mestura co alimentario e co puramente económico, que solucións chegan dende as Administracións. Ata o momento, esencialmente unha: o adianto das axudas xa previstas por outros conceptos. Tras a celebración do Consello de Agricultura da Unión Europea o comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, amosaba a súa disposición de adiantar parte das axudas da Política Agraria Común (PAC) despois de que os Executivos de España e Portugal o solicitasen. "A Comisión utilizará todos os instrumentos á súa disposición" sempre que estes sexan solicitados "de forma argumentada" dende os Estados afectados pola seca". Segundo o Goberno español, trataríase de que os gandeiros puidesen acceder en outubro a uns 5.000 millóns de euros que en condicións normais non chegan ata decembro.

O Sindicato Labrego e Unións Agrarias censuran que a "única" medida que prevé a Xunta sexa subvencionar xuros bancarios

Case ao mesmo tempo, no Parlamento galego o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, anunciaba a posta en marcha dun mecanismo semellante, aínda que coa banca polo medio. A Consellería de Medio Rural, explica, está a preparar unha orde segundo a cal a Xunta subvencionaría parte dos xuros dos créditos que os gandeiros poidan pedir aos bancos en concepto de adianto das axudas da PAC. En resposta a unha pregunta parlamentaria da socialista Sonia Verdes, Robledo detalla que a intención da Xunta é que os produtores lácteos poidan ter antes do verán "un circulante equivalente" ás axudas europeas para así "paliar os efectos da seca e da necesidade de recorrer ás forraxes de fóra".

Segundo Robledo, esta subvencións de xuros suporán un "alivio" para as explotacións, unha interpretación que o sector non comparte. En opinión do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, "non parece lóxico que a única saída sexa anticipar cartos que xa son dos gandeiros". En declaracións a Praza Pública, García sinala que o camiño debe ir por medidas "como as que xa se tomaron en Francia", para "facilitar liquidez ás explotacións" pola vía do control dos prezos dos produtos, un ámbito no que "o gandeiro non ten capacidade de negociación". Cómpre "buscar fórmulas que busquen darlles transparencia aos prezos". Esa, di, si sería unha solución que aliviaría o impacto económico de traer "forraxe dende zonas afastadas".

Nun sentido semellante, Adolfo Cabarcos, do SLG, ve na subvencións de xuros unha medida "irrisoria" e unha verdadeira "burla ao sector primario, fundamental para o país". Na súa opinión, non pode resultar "satisfactorio" que a única solución sexa acudir a créditos bancarios "cando acaban de anunciar hai uns días" que a propia banca se vai "recapitalizar". Agora, di, a Xunta vailles "insuflar máis cartos, despois da desfeita que fixeron" pero para os gandeiros non suporá máis que ter un chisco antes e pola vía bancaria "axudas que xa son do sector".

Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.