A Semana Santa dá un leve respiro ao paro rexistrado en Galicia

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

A Semana Santa e a pasada ponte de maio dan un pequeno respiro ao paro rexistrado tras os desastrosos datos da EPA que situaron a taxa de desemprego en Galicia no 23,2% e o número de persoas sen emprego en case 300.000 tras un primeiro trimestre de ano fatal para a autonomía. Desta vez, e segundo as cifras das oficinas de emprego, o comportamento do país foi moi semellante ao do conxunto do Estado en abril, ao baixar o número de parados en 6.319 persoas, o que supón un descenso do 2,29%, fronte ao 2,33% de España, e situarse a cifra total en 270.144.

Galicia ten 20.315 parados rexistrados menos que hai un ano pero só 614 afiliados máis á Seguridade Social

Galicia conta, xa que logo, con 20.315 parados rexistrados menos que hai un ano (-6,99%), pero ten tan só 614 afiliados máis á Seguridade Social que en abril de 2013, o que supón un mínimo aumento do 0,07%. Incluso descende esta cifra nas provincias de Ourense e Lugo. No último mes, o número de cotizantes ascendeu en tan só 3.443 persoas na comunidade, situándose o número medio de afiliados en 909.493 persoas no país.

O desemprego descendeu nas catro provincias, sobre todo en Pontevedra (-2.566), que rematou o mes de abril cun total de 107.690 parados. A continuación situouse A Coruña (-2.077 e 106.056 desempregados), Lugo (-842 e 27.016) e Ourense (-834 e 29.382). Por sexo, Galicia conta con 139.398 paradas e 130.742 parado. Ademais, do total, 16.574 son mozos de menos de 25 anos.

Os datos confirman o que agardaba a Xunta, que agora desdeña a EPA e só ten en conta os datos menos fiables do paro rexistrado

Tal e como agardaba a Xunta, e logo de que Feijóo desdeñase os datos da EPA malia ser os únicos oficialmente recoñecidos a nivel europeo e os máis fiables, as cifras do paro rexistrado non foron a desfeita da Enquisa de Poboación Activa, pero tampouco confirman xa diferencial positivo ningún de Galicia co Estado. O comportamento é case idéntico en canto ao descenso relativo do desemprego, provocado principalmente neste mes de abril polas contratacións temporais para as vacacións de Semana Santa e do Primeiro de Maio. De feito, o desemprego descende en todos os sectores, pero fundamentalmente en servizos, onde baixa en máis de 4.000 persoas. Xa que logo, bastante máis da metade do descenso corresponden a este sector.

Máis da metade do descenso do paro corresponde ao sector servizos, onde baixa en máis de 4.000 persoas

Por outra banda, os datos de paro rexistrado e afiliación desestacionalizados (sen ter en conta o efecto calendario e o impacto de factores como a Semana Santa ou a ponte de maio) son positivos en Galicia, pero non tanto: o desemprego baixa en 3.329 persoas con respecto ao mes de marzo, o que supón un descenso do 1,26%.

En canto á temporalidade, os datos son ben claros. O número de contratos rexistrados chegou aos 57.854 en Galicia en abril, o que supón un aumento de case 7.000 e de máis do 13% con respecto ao mes anterior. Non obstante, tan só 5.678 son indefinidos, nin tan sequera un 10% (9,8%) fronte ao 90,2% temporais.

 

En canto ao conxunto do Estado, o desemprego baixou en abril 111.565 persoas e a Seguridade Social gañou 133.765 ocupados. O número total de parados alcanza os 4.684.301 e a afiliación está aínda en rexistros moi baixos, por baixo dos 17 millóns de ocupados (16.430.053).

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) que se publicou a semana pasada revelou unha significativa destrución de emprego de 184.600 postos de traballo e unha taxa de paro que se resiste a baixar. Ademais, os datos de paro rexistrado e afiliación desestacionalizados (sen ter en conta o efecto calendario e o impacto de factores como a semana santa) seguen en terreo positivo: o desemprego redúcese en 50.202 persoas e a Seguridade Social suma 61.111 ocupados.

En abril asináronse 1.296.529 contratos, un 12,3% máis que hai un ano. Os contratos indefinidos (tanto iniciais como as conversións de eventuais en estables) crecen o 24,6% en termos interanuais, mentres que os temporais aumentan un 11,3%. No entanto, os indefinidos representan só o 9,4% de todos os contratos rexistrados o mes pasado.

Tamén seguen crecendo outras fórmulas de contratación. É o caso do contrato de formación e aprendizaxe, cuxo uso crece un 31,1% respecto ao ano pasado, ou do contrato de prácticas, que aumenta un 19,6%.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.