Sen "pesimismo" xeral, pero sen "euforia" ningunha. O Consello Económico e Social (CES), o órgano consultivo que agrupa a organizacións sindicais, á patronal e a diversas representacións asociativas e profesionais, vén de facer balance da situación socioeconómica do país a respecto do ano 2015, o que moitas institucións públicas presentaron como o da saída da crise económica. A memoria presentada pola presidenta do organismo, a ex-alcaldesa de Vigo Corina Porro, e mais pola presidenta de quenda da comisión redactora, Natividad López, da CIG, acredita que durante os anos das dificultades económicas o incremento da desigualdade social en Galicia foi unha realidade palpable. No entanto, as cifras oficiais referendan tamén que a sociedade galega segue a ser menos desigual que a media española.
O CES non dubida de que nos últimos anos se produciu tamén no territorio galego un "incremento das desigualdades sociais" e que este foi "consecuencia directa da crise económica" e do seu impacto en eidos como "os niveis e duración de desemprego, a redución das rendas" e, en Galicia, tamén outro factor "especialmente relevante", o envellecemento, toda vez que os pensionistas galegos reciben as remuneracións "máis reducidas" do Estado. As caídas de ingresos derivaron en maiores dificultades para chegar a fin de mes e, en síntese, en maior desigualdade, especialmente para as persoas desempregadas ou para quen traballan percibindo salarios baixos, os que máis se resentiron nos últimos anos.
O CES resalta que o "incremento das desigualdades sociais" son "consecuencia directa" da crise nestes anos
Estes e outros elementos son tidos en conta para elaborar dous dos indicadores que o CES manexa para poñer o foco na necesidade de paliar a desigualdade social. O primeiro é o coeficiente de Gini que, cun número entre 0 e 1, mide o nivel de igualdade de ingresos: o 0 representaría unha sociedade con todos os seus membros a ingresar o mesmo e o 1, a "perfecta desigualdade", cunha única persoa a percibir todos os ingresos. O coeficiente Gini máis recente para Galicia, o do ano 2014, situábase no 0,283. Son tres milésimas menos que un ano antes, pero 11 décimas máis que no ano 2008. O incremento, así e todo, é menor que o do conxunto do Estado, no que a desigualdade se incrementou ata chegar ao 0,346.
Os ingresos da poboación galega máis acomodada son catro veces e media os das persoas máis pobres
Xunto a este índice o CES manexa é a distribución da renda, unha vía para medir a desigualdade baseada na comparación entre os ingresos da quinta parte máis rica da poboación e os da quinta máis pobre. Neste caso, o resultado de 2014 é do 4,45, o que supón que a fracción máis acomodada economicamente da sociedade galega percibe uns ingresos que son case catro veces e media os da parte con menor nivel económico. Antes da crise este indicador estaba en Galicia no 4,02 e xa daquela era menor ao de España, que en 2008 estaba no 5,90 e en 2014 indicaba un 6,90.
A desigualdade social está intimamente relacionada, para o CES, cos niveis de risco de pobreza ou exclusión social, que repuntaron durante o 2015 no país tras descender nos anos anteriores. Que o panorama galego neste sentido sexa "máis favorable" que a media estatal non impide, para o organismo consultivo, que o número de persoas nesta situación sexa "preocupante". Por este motivo, subliña, "os sistemas de protección e cohesión social" deben "adecuarse ás novas necesidades e demandas que a sociedade está reclamando".
As "medidas efectivas" para frear o descenso de poboación activa en Galicia é "unha necesidade perentoria", resalta o informe
Un dos campos nos que, segundo o CES, cómpre actuar para inverter a situación é o do emprego, onde a memoria recomenda non ficar unicamente no dato de descenso do paro, senón tamén poñer o acento no preocupante descenso da poboación activa -as persoas que traballan ou están condicións de facelo. As sucesivas edicións da EPA acreditan que o mercado laboral mingua reiteradamente, ata o punto que só durante 2015 a poboación activa descendeu en Glaicia un 1% e no conxunto do Estado, un 0,1%. O "impulso de medidas efectivas para frear o continuo descenso da poboación activa" é para o CES unha "necesidade perentoria", especialmente "na poboación máis nova", salienta, xunto a unha chamada a "potenciar o papel da muller no mercado laboral".