A sospeitosa liquidación das caixas

Peticións de banca pública ante a banca privada, en Santiago CC-BY-SA Merixo

A crise financeira aproveitouse en España para liquidar de facto as caixas de aforros sen ningún fundamento económico ou xurídico. É certo que neste tipo de entidades se cometeron gravísimas irregularidades. Pero anomalías moi graves como foi o caso das participacións preferentes rexistráronse tamén na banca. Os problemas nas caixas de aforros non teñen tanto que ver coa súa deostada natureza xurídica (entidades sen ánimo de lucro, que carecen de accionistas e por tanto non hai que remuneralos, e que destinan unha parte dos seus beneficios a obras sociais) senón co que fixeron con elas os executivos que as patrimonializaron ou os políticos que as apropiaron como brazo executor, segundo os casos.

Resulta bastante sospeitosa a esixencia da Unión Europea de que as caixas de aforros non poderán controlar os bancos aos que transferiron unha parte das súas actividades

Resulta neste sentido bastante sospeitosa a esixencia da Unión Europea de que as caixas de aforros non poderán controlar os bancos aos que transferiron unha parte das súas actividades (vía Memorando de Entendemento). É dicir, deberán reducir a súa participación nos bancos que controlan a menos do 50% do capital. A Caixa, por exemplo, non podería ter un control maioritario do seu banco Caixabank. Cal é o fundamento desta limitación que o Goberno trata agora de sortear?

En Europa existen importantísimas entidades financeiras de natureza mutual ou pública, que non só teñen unha longa traxectoria de eficiencia, senón que resistiron moito mellor a crise que os bancos

O Tratado da UE foi sempre neutral no que incumbe ao réxime de propiedade das empresas ás que trata por igual xa sexan públicas ou privadas. Por outra banda, en Europa existen importantísimas entidades financeiras de natureza mutual (entidades sen ánimo de lucro con achegas dos seus asociados para prestar servizos) ou pública, que non só teñen unha longa traxectoria de eficiencia, senón que resistiron moito mellor a crise que os bancos.

En Holanda, por exemplo, o Rabobank, a maior entidade financeira do país, decidiu reforzar a súa estrutura cooperativa para os próximos anos. En Francia, dúas das maiores entidades, o Crédit Agricole e o Groupe BPCE, son tamén de natureza mutual e deron unha grande estabilidade ao sistema. E a mesma estrutura social en forma de cooperativa ten o grupo Raiffeisen Zentralbank, o terceiro máis importante de Austria, cunha importante implantación noutros países do Centro e Leste de Europa. Tamén destacan as cooperativas de servizos financeiros moi importantes en Canadá e dominantes en Quebec a través do grupo Desjardins.

En Alemaña, os bancos públicos e as 430 caixas de aforros representan o 40% do sector financeiro. O máis significativo de Alemaña é que precisamente os bancos cooperativos e as caixas tiveron un comportamento determinante para superar a crise económica

En Alemaña, os bancos públicos e as 430 caixas de aforros representan o 40% do sector financeiro. O máis significativo de Alemaña é que precisamente os bancos cooperativos e as caixas tiveron un comportamento determinante para superar a crise económica. Estes grupos non deixaron de aumentarlles o financiamento ás empresas e ás familias ao longo da crise, especialmente a través dos bancos cooperativos. Mentres, pola contra, as grandes entidades reduciron sistematicamente a concesión de créditos desde 2007. Esta foi precisamente una das vantaxes da industria alemá para afrontar a crise, pois contou cun vasto tecido de entidades financeiras ao servizo da industria e non ao revés, como ocorreu noutros países como Irlanda, Reino Unido e España, nos que os intereses dos bancos dominan a actividade económica.

Por outra banda, a historia recente está chea de exemplos que mostran o fracaso que supuxo a privatización de entidades de aforros que funcionaran perfectamente co modelo social. En Bélxica, durante os anos 90 privatizouse a Caisse Générale d'Épargne et de Retraite (CGER), que fora un exemplo de solidez e de apoio á economía das empresas e familias para converterse no banco Fortis. Daquela ese banco incorreu en todo tipo de irregularidades e nun crecemento disparatado, que acabou nun profundo fracaso e tivo que ser nacionalizado coa intervención dos gobernos de Bélxica, Holanda e Luxemburgo e finalmente vendida a BNP Paribas.

Tamén cabe lembrar a crise do banco británico Northern Rock, que igualmente tivo que ser nacionalizado en 2008 despois de cometer todo tipo de irregularidades. O banco fundado en 1997 pola transformación dunha entidade mutualista, Northern Rock Building Society, resultado á súa vez da fusión de dúas Building Society, con máis de 150 anos de historia, que achegaran cuantiosos fondos a actividades sociais.

Das máis 50 entidades ou grupos financeiros existentes antes da crise só quedan uns 15, o que suporá unha significativa redución da oferta de servizos e sobre todo un aumento de tamaño de certas entidades, incrementando o risco sistémico

En España estamos a asistir á liquidación das caixas como modelo, que ademais de constituír institucións moi sólidas e eficientes, como a Caixa, Caixa Madrid, Unicaja e dunha envexable solvencia como a BBK, achegaron un complemento non desprezable ao Estado de benestar público. Durante a última década, as caixas destinaron entre 1.000 e 2.000 millóns anuais a actividades sociais que sufrirán un drástico recorte nos próximos anos. En España as caixas fallaron non pola súa estrutura mutualista, senón precisamente por non comportarse como tales. A realidade é que en moitos casos as cúpulas directivas destas entidades controlaron as asembleas, os consellos de administración e as comisións de control cando deberían ser estes órganos os que vixiasen os xestores.

Pero o río revolto da crise é unha oportunidade de aumentar o xa inconmensurable poder da banca e reducir a competencia no sector. Das máis 50 entidades ou grupos financeiros existentes antes da crise só quedan uns 15, o que suporá unha significativa redución da oferta de servizos e sobre todo un aumento de tamaño de certas entidades, incrementando o risco sistémico. Como din moi ben os Economistas Fronte á Crise, no seu libro: “Non é economía é ideoloxía”.

Pola banca pública, ante NCG Banco CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.