A suba do IRPF suporá unha tesoirada de 295 euros de media no salario dos galegos

Mariano Rajoy CC-BY-SA EFE

Suba de taxas directas, incremento das pensións, recorte do salario dos banqueiros... Foron algunhas das medidas que tomou Mariano Rajoy nada máis acceder á Moncloa. Decisións que, a priori, non encaixan nun modelo político liberal e fondamente conservador. Plans "de urxencia" para as arcas públicas acometidos pola vía do ingreso (máis taxas) e gasto (recortes). Malia á presión que existe sobre a administración española para incrementar o IVE, taxa indirecta por excelencia, o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, insiste en que non se levará a cabo. O IVE español é un dos máis baixos do Estado. Sarkozy, en plena campaña electoral, decidiu subilo.

A perda media de renda dispoñible para as 775.000 persoas afectadas será de 295,78 euros ao ano

Pero Rajoy si subiu o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que se aplica sobre as rendas do traballo, non do capital. É unha taxa progresiva, que fluctúa en función do salario de cada persoa. Dun total estimado de 19.316.115 declaracións que se presentarán na Administración tributaria en 2012, 13.117.451 de declaracións perderán renda disponible como consecuencia da reforma da taxa, segundo o estudo de José Féliz Sanz e Desiderio Romero para Funcas. Pero, amais dos datos estatais, Praza vén de recoller os números que afectan aos galegos.

A suba en Galicia

O incremento do IRPF afectará a 774.904 galegos, mentres que outras 455.566 persoas non se verán afectadas pola medida. Este é o cálculo de Sanz e Romero feito en base á estimación do Executivo usando como referencia o número previsible de declaracións a realizar sobre o exercicio 2012. Como consecuencia da reforma da lei do IRPF, a perda media de renda dispoñible para esas case 775.000 persoas será de 295,78 euros ao ano. Este dato está no nivel baixo da táboa por comunidades, resultado da renda media bruta dispoñible dos traballadores galegos (máis baixa).

O impacto recadatorio da reforma do IRPF en Galicia será de preto de 230 millóns de euros

Os datos fan referencia, cómpre lembralo, ao tramo estatal do IRPF. Alberto Núñez Feijóo anunciara, nos seus primeiros días de mandato como presidente da Xunta, que ía baixar o tramo autonómico desta taxa. Esa medida non se produciu. O impacto recadatorio da reforma do IRPF en Galicia será de preto de 230 millóns de euros. No conxunto do Estado calcúlase que as arcas públicas ingresarán máis de 5.087 millóns de euros. Madrid, Cataluña e Andalucía son, por esta orde, as comunidades que máis aportarán ás arcas do Estado coa suba do IRPF para os seus traballadores.

Impacto da reforma do IRPF en Galicia
  Gañadores Perdedores Indiferentes Total 
  Número Ganancia media Número Perda media Número Variación recadatoria
Galicia 8 42,51 774.904 -295,78 455.566 -229.202.672

 

Declaración da Renda CC-BY-NC-SA AEAT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.