A suposta recuperación que non chega aos fogares

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

"O indicador de confianza dos fogares galegos mellorou 18 puntos no primeiro trimestre do ano respecto ao mesmo período de 2013, ata situarse no nivel máis elevado dende o terceiro trimestre de 2011".  Ese foi o dato máis relevante que a Xunta destacou o pasado venres con motivo da Enquisa Conxuntural de Fogares publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Certo que este indicador, que mide as perspectivas de gasto e aforro e a percepción sobre a súa situación financeira e económica do país, revela unha mellora na visión global da cidadanía. Non obstante, entre as cifras que destaca a Administración non se fai referencia a aquelas que evidencian que, malia a feble recuperación, as consecuencias da crise seguen vixentes.

O número de fogares que chega con dificultade a fin de mes é case idéntico ao do trimestre anterior

Segundo os datos do IGE, a porcentaxe de fogares que aseguran chegar con dificultade ou moita dificultade a fin de mes é practicamente idéntica neste primeiro trimestre de 2014 ca no trimestre anterior. Na actualidade, o 60,25% das familias recoñece os problemas para acabar o mes, incluso máis que no último trimestre de 2013 (59,65%) e tan só uns tres puntos inferior ao mesmo período de hai un ano (63,9%).

Certo, tal e como destaca a Xunta, que as perspectivas dos fogares galegos sobre a súa situación financeira persoal melloran en case 13 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2013 ou que tamén melloran as perspectivas sobre a capacidade de aforro das familias galegas –en máis de 8,5 puntos-, sobre a situación económica de Galicia –23 puntos- e sobre a evolución do desemprego, en máis de 27 puntos.

Pero son só iso: perspectivas. Se nos fixamos nos fogares que non se permitiron extra ningún nos últimos tres meses, os datos son case idénticos tamén aos de case hai un ano. O 28,4% das familias recoñecía hai doce meses que non se puidera permitir gasto extra ningún, fronte ao 27,9% deste último trimestre. En canto ás casas que tiveron algún atraso no pago dos recibos de obrigado cumprimento, a porcentaxe descendeu do 8,4% de hai un ano ao 4,9% do primeiro trimestre de 2014, unha cifra que, non obstante, é maior que a dos dous trimestre anteriores (4,8% e 3,4% respectivamente).

A porcentaxe de familias que tivo algún atraso no pago dos recibos é maior agora que nos últimos seis meses

Xa que logo, malia que as perspectivas dos galegos parecen mellor de cara ao futuro, a súa situación pouco cambiou nos últimos meses. De feito, tamén aumentou o número de fogares que teñen previsto cambiar os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta nos vindeiros tempos, ao pasar do 38,5% ao 48,8% nun ano, ao igual que as familias que prevén diminuír noutros gastos comúns agás a alimentación, que pasou do 44% ao 48,9%.

En canto aos fogares que teñen pensado tomar algunha medida para reducir gastos, tan só diminuí o número daqueles que asegura que recoñece que terá que recibir axuda familiar ou que tomará medidas financeiras.

Aumenta o número de fogares con dificultades para chegar a fin de mes CC-BY-NC-SA Markel 2007

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.