A troika obriga a manter o ERE en Novagalicia

Traballadores de NCG ante o Banco de España CC-BY-SA M. Pereira

A troika obriga a aplicar o ERE en Novagalicia Banco. Iso é o que o presidente de Banesco, Juan Carlos Escotet, e o director xeral corporativo da entidade, Francisco Botas, comunicaron este venres aos sindicatos da antiga caixa. Segundo as explicacións dos dirixentes, Bruxelas non permite modificar o expediente de regulación de emprego e as previsións de redución de cadro de persoal que, tras as axudas de recapitalización ao banco, foron pactadas coa Comisión Europea. Xa que logo, a entidade terá que seguir dun plan que supón deixar en 3.300 os postos de traballo a completo.

O plan pactado con Bruxelas exixe deixar en 3.300 os postos de traballo a tempo completo en NCG

No entanto, os responsables de NCG aclaráronlles aos sindicatos que intentarán "minimizar o impacto" deste ERE, ao tempo que aseguraron que seguen á espera de que Europa aprobe a venda. A entidade bancaria ten na actualidade uns 4.300 traballadoers, polo que en teoría teríanse que producir 1.000 despedimentos para cumprir coas exixencias da troika. Pero non será así. A intención de Novagalicia é aplicar reducións de xornada e de salario para reducir ao mínimo estes despidos, que poderían quedar nuns 500 en lugar do milleiro que se podía prever.

Os mil despedimentos previstos poderían quedar en 500 tras as reducións de xornada e de salarios

Os sindicatos, ante esta proposta, recoñeceron estar satisfeitos, aínda que saíron da reunión cun sabor agredoce. Decepcionados polo feito de que se teña que seguir adiante co ERE, pero confiados en que as medidas aplicadas por NCG reduzan ao mínimo o impacto sobre o cadro de persoal. Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, manifestou que que o expediente quede aberto é unha mala noticia, pero amosouse esperanzado sobre as alternativas. Pola súa banda, Luís Mariño, responsable da sección sindical de CCOO na entidade, interpreta que non haberá novos axustes do persoal máis aló dos que xa estaban previstos.

Ademais, os representantes sindicais tamén aclararon que a intención de NCG é manter todas as oficinas rendibles e "minimizar os peches" polo que a entidade tratará de que desaparezan o menor número de sucursais posibles.

 

Os afectados polas preferentes piden ao FROB que "desbloquee" a solución

En canto ás preferentes, Escotet trasladou ás plataformas de afectados que tamén se reuniron con el que segue a traballar nunha solución para o conflito e que a está a negociar co FROB, que aínda controla a entidade. Por iso, os preferentistas pídenlle ao Estado que "desbloquee" esta alternativa.

Xesús Domínguez, voceiro do colectivo de Compostela, instou os afectados a que sigan coas medidas de presión e coas demandas xudiciais, xa que o 99% delas son a favor dos preferentistas. Ademais, insistiu en que as mobilizacións deben ir dirixidas ao FROB e ao Estado, que son os que "poden permitir unha solución".

Na actualidade, quedan 35.000 persoas que aínda non recuperaron os seus cartos e 502 millóns atrapados nestes produtos en Galicia, onde o propio Escotet tería recoñecida que se se recuperaron máis fondos foi grazas á presión social. Ademais, o voceiro da plataforma do Baixo Miño, Xulio Vicente, animou a seguir "na rúa" e asegura estar convencido de que se recuperará o 100% do diñeiro.

"Nin o Goberno nin o banco aturan máis a asfixia á que os sometemos e se hai que lle doe á entidade é a retirada de fondo dos concellos", engadiu Vicente, que asegura que entre esta e a vindeira semana "desapareceranlle case seis millóns de euros a NCG no Baixo Miño". Os afecdtados reuniranse cun representante do FROB a vindeira semana.

Traballadores de NCG ante o Banco de España CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.