A UE confirma o golpe de morte ao naval galego

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Un golpe definitivo. A Comisión Europea solicitou este mércores ao Estado que recupere as axudas que mediante o sistema de bonificacións fiscais do tax lease tivo o sector naval entre 2007 e 2011. Estas subvencións deberán ser reintegradas polos investidores que financiaron a construción dos buques, pero non por armadores nin polos estaleiros, tal e como advertira xa o comisario da Competencia, Joaquín Almunia, algo que non arranxa para nada o problema dun sector condenado agora á agonía en Galicia.

A decisión da Comisión atrasa en dous anos o período a devolver pero non arranxa en nada o problema para o sector

O Colexio de Comisarios da CE votou a favor (e por consenso) da última proposta da Dirección Xeral da Competencia, segundo adiantaron varios medios, e que non cambiou o que se agardaba nos últimos días. A UE exixirá aos investidores a devolución das bonificacións fiscais aplicadas ás operacións de tax lease entre abril de 2007 e 2011ao consideralas axudas de estado ilegais. A decisión é un golpe de morte para o sector en Galicia e para os 15.000 empregos directos e indirectos que dependen del. Tamén para o conxunto de España, con 87.000 familias e 19 estaleiros privados afectados.

Joaquín Almunia, na súa comparecencia pública, insistiu en que estas axudas son "parcialmente incompatibles coas normas da UE" e lembrou que o sistema de tax lease foi instaurado en España en 2002, "pero as autoridades non o notificaron". "Se o sistema fose notificado, a Comisión tería actuado expresando con claridade a compatibilidade ou non do sistema", asegurou.

Ademais, aclarou tamén que "parte das axudas" recibidas "poden ser consideradas compatibles" e insistiu en que terá que ser o Goberno español o que "deduza que parte da axuda é compatible coas directrices das axudas marítimas" e cal non. No entanto, negouse a determinar cal será a cantidade que terán que devolver os investidores afectados, xa que "é a Facenda española a que terá que determinar canto, como e cando se devolven estas bonificacións".

Almunia asegura que "parte das axudas" si poden ser "compatibles", pero será o Estado o que terá que determinar cales

"A obriga de devolver a axuda ilegal só se aplica aos que se beneficiaron, investidores que formaron parte das agrupacións de interese económico, pero non a navieiras nin estaleiros. Os beneficiarios non poden trasladar a súa obriga de devolución a terceiros, nin tan sequera en aplicación de contratos privados existentes", insistiu o comisario da Competencia.

Así, Almunia insistiu en que a decisión "só se refire ás vantaxes fiscais ilegais a algúns investidores", pero que "non se trata dunha decisión sobre os estaleiros". "O futuro dos estaleiros dependerá do seu potencial innovador e da súa capacidade para atraer clientes e investidores, e confío plenamente que o sector naval poida superar con éxito as actuais dificultades", engadiu. "Hai e haberá investidores, pero haberá que buscalos e convencelos", dixo.

En canto aos argumentos empregados por España en contra da decisión, o comisario da Competencia advertiu que a carta emitida pola anterior comisaria en 2009, e na que aceptaría a legalidade do sistema español, "non se refire ao tax lease, senón á non discrminación entre estaleiros; é un aspecto lateral e non está baseada en investigación ningunha". O Goberno central xa anunciou que se reserva o dereito a recorrer a decisión ante o Tribunal Europeo de Xustiza.

 

Os sindicatos xa advirten de novas protestas

De nada serviron as últimas negociacións levadas a cabo polo Goberno central, ao que os sindicatos acusan de reaccionar tarde e mal, a proposición unánime de apoio ao naval aprobada no Congreso, nin a última medida de presión dos traballadores, pechados nos estaleiros da ría de Vigo desde o pasado martes para forzar unha rectificación que non chegou. A ministra de Emprego, Fátima Báñez, e o de Economía, Luis de Guindos, buscaron apoios nos comisarios das súas áreas para rexeitar a proposta do comisario da Competencia, Joaquín Almunia. Pero tampouco valeu.

O ditame chega logo de que o comisario de Industria, Antonio Tajani, principal aliado de España, aceptase a proposta de Almunia

O atraso de dous anos no período a devolver suaviza un chisco o impacto, pero para nada soluciona o problema. Entre 2007 e 2011 contratáronse preto de 50 barcos en Galicia, a maioría na ría de Vigo, e tamén a maioría de todos os buques foron asinados baixo ese sistema que agora se declara ilegal. No país, e segundo calculan os sindicatos, serían 600 os millóns que habería que devolver, aínda que a Comisión aclara que será o propio Goberno o que terá que calcular ese reintegro. O ministro Soria falara de preto de 2.000 millóns, pero tendo en conta aínda a primeiro período marcado por Almunia, desde 2005. Sexa como for, os sindicatos e os armadores ven nesta medida o final do sector naval privado en todo o Estado.

A decisión final, segundo informaron as axencias, chegou logo de que o comisario de Industria, Antonio Tajani, que fora o principal aliado de España, levantase a súa reserva e aceptase a proposta de Almunia, malia que a súa intención que só se reclamase a devolución das axudas posteriores a 2009. A Comisión Europea xustifica a súa decisión atendendo ao "principio de seguridade xurídica", motivo polo cal decidiu non pedir o reintegro da axudas concedidas entre 2002 e abril de 2007, data na que Bruxelas declarou publicamente ilegal un sistema francés semellante ao español.

Desde os estaleiros de Vigo, os sindicatos xa anuncian que se reservan o seu dereito á protesta e ameazan con saír en manifestación polas rúas da cidade en canto o comisario Almunia confirme oficialmente a mala nova.

En 2009, o sector naval daba traballo en Vigo a 12.000 persoas. Quedan apenas 3.000 en activo, que estaban pendentes da decisión de Bruxelas. A escasa actividade que aínda se mantén débese a contratos asinados hai un ou dous anos ou a sectores auxiliares que sobreviven grazas á exportación. Os tres grandes, Barreras, Vulcano e Freire, están completamente parados. Toda a economía que xeraba o naval, coma os transportes especiais, empresas de verificación, a enxeñaría industrial e técnica, caeu con eles. E cando o sector fóra de España empeza a ofrecer síntomas dunha incipiente recuperación, coa crecente demanda de buques do tipo dos que se fabrican en Galicia, a incerteza do tax lease mantivo á marxe os estaleiros vigueses, que perderon varios contratos nos últimos meses.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Peche de traballadores nos estaleiros de Vigo CC-BY-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.