A Xunta achega uns 4 millóns á inxección de liquidez a Pescanova

Sede central de Pescanova © El Diario

A Xunta realizará unha achega económica a Pescanova -sobre uns catro millóns de euros-, segundo anunciou este xoves o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, logo de "analizar con prudencia" a "delicada" situación dunha empresa que considera "fundamental" para a "evolución e a reputación" da economía galega e española.

Será un préstamo que representa o 7% do total de 55 millóns que precisa a compañía para recuperar xa a liquidez

"Dependerá das necesidades que existan unha vez coñecidas as achegas do pool de bancos investidores, pero estará sobre o 7% do préstamo inmediato que necesita a compañía para a recuperación da liquidez" e que está fixado nos 55 millóns de euros que solicitou a administración concursal, aclarou Feijóo sobre o préstamo, cuxas condicións e prazo de devolución, que é dun ano, serán "semellantes" ás que asume o devandito pool no financiamento.

Este préstamo, nin tan sequera un aval, ten para Feijóo un valor máis aló do cuantitativo, xa que procura favorecer "un efecto de confianza" para a multinacional galega. Chega logo de que, tal e como adiantara Faro de Vigo, a Administración autonómica se negase a avalar a inxección de liquidez, polo cal os bancos solicitaron unha hipoteca sobre a marca e a sede de Chapela. 

En canto a futuras actuacións en Pescanova, o presidente da Xunta apelou á "prudencia", que é o que lle aconsella "non dar un paso máis dos que acabamos de dar". "Levamos traballando durante semanas co administrador concursal, queríamos coñecer a situación contable, financeira e de débeda da compañía, así como as necesidades inmediatas do préstamo; coñecidas as necesidades e avanzada a situación financeira, tomamos esta decisión", rematou.

Sede central de Pescanova © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.