A Xunta declara a mina de Corcoesto "ambientalmente viable"

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

"Ambientalmente viable". É a consideración que ten o controvertido proxecto dunha mina de ouro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) para a Xunta e, máis concretamente, para a Consellería de Medio Ambiente. O departamento que dirixe Agustín Hernández publicará o vindeiro luns a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da explotación impulsada pola empresa canadense Edgewater a través da marca Grupo Mineiro Corcoesto e nela sinalará que está "garantido" o "estrito cumprimento das medidas" de respecto ao medio natural.

Segundo a Xunta nesta DIA xa van establecidas "as cautelas ambientais que permiten facer compatible a extracción do mineral coa protección dos valores naturais a conservar". Así "entre as medidas que garanten a viabilidade ambiental" Medio Ambiente cita "as dirixidas a garantir a integridade do espazo natural protexido Río Allóns" e a "salvagardar os seus valores naturais". "Para isto", afirma, abondará con que a extracción de ouro se produza "a unha distancia de 140 metros do espazo protexido". 

A Xunta defende que os valores naturais da zona fican salvagardados se a extracción de ouro se produce "a 140 metros do espazo protexido"

A Consellería describe que a empresa prevé extraer "1.095.000 onzas de ouro" a través da denominada "minaría de transferencia", nuns traballos que producirán ocos no terreo pero que, asegura, serán enchidos "con estériles prodecentes das cortas en explotación", polo que "o enchido dos ocos e da entulleira dará lugar a dúas elevacións integradas coa paisaxe". Ademais, defende, "unha vez rematada a extracción do mineral e o proceso de transferencia de estériles quedará un oco final obxecto de restauración a modo de lagoa, xerando unha lámina de auga libre dunhas dezaoito hectáreas".

Ademais dos argumentos ambientais este departamento do Goberno galego basea o seu apoio á polémica mina en que "os labores mineiros nesetas concesións teñen carácter histórico, remontándose os seus inicios á época romana". Ademais, lembra, a mina "se atopa en tramitación para ser declarado proxecto industrial estratéxico" por parte da Consellería de Economía e Industra "pola súa capacidade dinamizadora da economía". Segundo Medio Ambiente esta planta dará lugar "á creación de 270 postos de traballo directos cunh estimación de máis de 1.000 indirectos" na comarca.

Argumentos contrarios aos da Xunta

A defensa da mina realizada pola Xunta dende o punto de vista ambiental contrasta coas cautelas expresadas pola plataforma veciñal oposta á mina que, como vén informando Praza Pública, ve reflectido "o escaso compromiso co medio ambiente" por parte de Edgewater xa non só no seu proxecto mineiro, senón tamén "nos vertido sde aceites e combustibles ao monte sen ningún tipo de coidado" que están xa a realizar, din. "Corcoesto deu traballo toda a vida a través de explotacións madeireiras ou gandeiras e de agricultura" pero, "se abre esta mina todo isto desaparecerá" porque a explotación "afecta a dez quilómetros á redonda", explican.

Isto sucederá, segundo os expertos que colaboran coa plataforma, porque os datos que manexa a propia empresa promotora reflicten "un contido de arsénico nos residuos que se prevén xerar que sobrepasan en moitas veces o límite permitido na lexislación vixente", uns datos que pretenden ocultar "poñendo por diante unha media dos resultados obtidos só nalgúns pozos".

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.