A Xunta errou nas previsións de recesión e desemprego para 2013

Previsións macroeconómicas da Xunta para 2013 CC-BY-SA Praza Pública

A fin da recesión económica ou, na terminoloxía oficial, do "crecemento negativo" da economía, está a ser presentada polos gobernos galego e central como mostra evidente do "inicio da recuperación" económica. Nesta liña, a Xunta leva dous anos presentando as súas contas públicas como "os Orzamentos da recuperación". Se ben é certo que as macroeconomía mellorou nos últimos tempos non o é menos que esa mellora aínda non se percibe a pé de rúa e que as previsións do Executivo autonómico incluídas nos Orzamentos para 2013 non se cumpriron exactamente.

O PIB galego caeu un 1% en 2013

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar os seus datos de "contabilidade rexional" nos que inclúe as estimacións sobre o comportamento do produto interior bruto (PIB) ao longo do pasado ano. Segundo esas cifras a economía do país retrocedeu un 1% en 2013, exercicio para o que a Xunta prevía unha recesión do 0,9%. Este resultado sitúa o comportamento da facenda galega un chisco por riba da media de recesión, situada no 1,2%. Non obstante, a economía galega non é líder, como se veu insistindo dende a Xunta, toda vez que hai catro autonomías (Balears, Canarias, Catalunya e a Comunitat Valenciana) cunha recesión menor.

O erro na previsión de decrecemento económico únese ao fallo na previsión de desemprego. A Consellería de Facenda estimou que Galicia pecharía 2013 cunha taxa de paro do 21%, pero segundo o Instituto Galego de Estatística este indicador rematou o exercicio pasado no 22%. Isto acontece nun contexto no que a realidade desmentiu tamén as principas previsións do Plan Estratéxico do Goberno galego, presentado no seu momento por Feijóo como guía fundamental para a súa política económica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.