A Xunta limítase a certificar a defunción da súa aposta para o sector lácteo

Detalle dunha protesta do persoal de Alimentos Lácteos CC-BY-NC-SA CIG

Foi a gran aposta da Xunta e vén de rematar en ruína. Nunha das súas primeiras grandes operacións na Xunta, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo e o daquela conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, deixaron de lado un amplo grupo de cooperativas encabezadas por Feiraco e decidiron apostar por dúas pequenas organizacións, La Arzuana e Gancobre, con clara vinculación co PP. Nacía Alimentos Lácteos. En poucos anos, do que foi presentado como a semente do gran grupo lácteo galego só queda unha empresa en liquidación e 10 millóns de débedas, ademais dos préstamos. Neste panorama desolador o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, limítase a certificar a defunción da criatura que impulsou.

"Constátase que ás veces, a pesar de tantar salvar determinadas empresas non dá resultado esa proposta, sempre ben intencionada", reflexionou Feijóo este xoves ao remate da reunión semanal do seu Goberno. "Ás veces, salvar determinadas instalacións de determinadas empresas non é máis que poñer diñeiro público sen retorno", di, sen mencionar os 9 millóns de euros que achegou a Xunta para que as cooperativas afíns tomasen as rendas da antiga fábrica de Pascual en Outeiro de Rei. "Veremos se hai responsabilidades" na xestión e "se as hai, a Xunta tomará as decisións que corresponda". De momento, coa empresa crebada, o Executivo "acredita" que o proxecto "non estaba ben xestionado" e por iso "non pode seguir nunha empresa mal xestionada". Só queda, polo tanto, "lamentar a situación dos traballadores".

Feijóo: "Ás veces, salvar determinadas empresas non é máis que poñer diñeiro público sen retorno"

As declaracións forenses do titular da Xunta irritan os representantes do sector, que lembran que o Goberno tivo un papel sensiblemente máis relevante que o de espectador. "O presidente ten que responder algo máis", di o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. En declaracións a Praza Pública García lembra que "antes das eleccións" o propio Feijóo "comprometeu unha partida orzamentaria para reflotar" Alimentos Lácteos e "ao día seguinte" da súa vitoria, "negouno", todo isto cando "o proxecto xa collera velocidade de cruceiro, con dúas marcas que gañaran presenza no mercado en tempo récord, xa fixeran o máis difícil".

Unións Agrarias lembra que a Xunta "controlou" o proxecto e puxo á fronte dirixentes do PP

Neste contexto, García lamenta que a explicación presidencial non sexa máis extensa, para deterse en que apostou por "controlar o proxecto cooperativo de maneira partidista, prescindindo das cooperativas que non eran controladas dende o PP, apostando polo control político e non polo proxecto". Así, censura, "nos primeiros meses" de andaina de Alimentos Lácteos "a única decisión" que se impulsou "foi poñerlles soldos millonarios" ás persoas designadas para controlalo. Tratábase de Eugenio Montero, tenente de alcalde de Touro polo PP e presidente da empresa, e Arcadio López, número dous no goberno do PP na Pastoriza. Eses soldos, subliña García, "agora son considerados ilegais polo administrador concursal" da compañía.

Así as cousas, dende Unións Agrarias instan á Xunta e, nomeadamente, a Feijóo, a deixar de "botarlles culpas aos demais", dado que "a maior parte das decisións se tomaron na Xunta, en Xesgalicia e no Igape". Foi neses centros oficiais onde se crearon o que García denomina "preferentes lácteas", uns "créditos participativos" creados para que gandeiras e gandeiros "deixasen centos de milleiros de euros nun proxecto que, a través de testaferros, dirixiu a propia Xunta". Agora, explica, unhas 800 explotacións teñen pendentes de cobrar uns 25 millóns de euros e o Executivo ten "unha responsabilidade económica e patrimonial que os gandeiros deben esixir a quen deseñou estas preferentes lácteas e dirixiu o proxecto".

Detalle dunha protesta do persoal de Alimentos Lácteos CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.