Xa é Nadal nos centros comerciais e xa é fin de ano na Xunta, cando menos a efectos contables. A Consellería de Facenda vén de ordenar o peche do exercicio económico de 2013 con data do 4 de novembro, o que implica que non asumirá ata o ano vindeiro ningún pagamento que non estivese previsto. Esta operación prodúcese tres días antes que o pasado ano e algo máis dun mes despois do determinado en 2011, cando o ano económico da Administración autonómica rematou o 30 de setembro. Non obstante, a anticipación segue a ser relevante.
Segundo recoñeceu no Parlamento a interventora xeral da comunidade autónoma, Almudena Chacón, o peche do exercicio non é unha decisión arbitraria e está directamente relacionada cunha das bandeiras da xestión de Feijóo: o prazo de pagamento das facturas e o cumprimento dos límites de déficit público impostos pola UE e distribuídos polo Goberno central. O feito de "non iniciar novos expedientes de gasto" nos úiltimos meses do ano é unha decisión encamiñada "ao cumprimento do obxectivo de estabilidade" orzamentaria, isto é, de non incorrer en déficit, explicou Chacón en maio de 2012 a preguntas do PSdeG.
Con estes antecedentes, a orde ditada por Facenda o pasado 31 de outubro e con vixencia dende este luns determina que os "documentos contables", as facturas, que se financian cos capítulos II e IV dos Orzamentos -gastos correntes e transferencias- non poderán tramitarse ata a apertura do orzamento de 2014 se están "en fase RC para A" e se son "documentos A, documentos D e documentos AD de exercicios correntes e futuros". No caso das facturas con cargo aos capítulos VI e VII -investimentos reais e transferencias de capital- as restricións esténdense aos documentos "DOK e ADOK". Estas siglas orzamentarias queren dicir que en novembro en decembro non se reterá crédito para novos gastos (RC) nin estes serán aprobados (A), non se reservarán fondos para novos compromisos de gasto (D), non se recoñecerán novas débedas (O) nin se emiitirán novas ordes de pagamento (K).
Ningún departamento pode afrontar novos gastos ata o ano que vén
Neste contexto, mentres estas facturas agardan polo aninovo só escapan do peche certos pagamentos concretos, como "os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudidicais" ou os pertencentes ao plan de financiamento das universidades, a prestacións sociais como a dependencia, os comedores escolares, a farmacia hospitalaria ou as receitas médicas, entre outras. Para todo o demais o resultado práctico será o traslado de facturas a 2014 de facturas correspondentes ao ano 2013, unha práctica que o propio presidente da Xunta xustificou argumentando que "sempre hai" este tipo de desprazamentos. Segundo o Consello de Contas, este tipo de operacións elevouse ata os 400 millóns de euros entre 2010 e 2011.
En 2010 o desprazamento de facturas chegou aos 400 millóns de euros
O que algúns economistas cualifican de "ficción contable" é un procedemento ordinario no actual Goberno que, ademais, insiste Feijóo, non afecta en absoluto ao déficit público. "A contabilidade facémola cos criterios de contabilidade nacional, que é a que mide con carácter harmonizador as contas das comunidades autónomas" con "datos auditados pola Intervención Xeral do Estado". Segundo o presidente fica claro ano a ano que "Galicia paga" e cumpre co déficit sen facturas nos caixóns. Sexa como for, en San Caetano vén de rematar o 2013.