As boas noticias para o naval chegarán en breve. En plena campaña electoral, a Xunta prevé anunciar o encargo de dous remolcadores por parte da petroleira mexicana Pemex para os estaleiros galegos. Segundo fontes coñecedoras da negociación ás que tivo acceso Praza, o acordo para a construción en Galicia destes dous buques está xa pechado e servirá para devolver as esperanzas ao sector naval no país e, de paso, contestar así as dúbidas xurdidas en canto aos buques hoteis e á ausencia de partidas orzamentarias para o dique flotante na ría de Ferrol, a gran reivindicación dos traballadores desde hai tempo.
O anuncio devolvería carga de traballo aos estaleiros e diminuiría a decepción nun sector en crise
Tal e como destaca oficialmente Pemex, a Xunta e a petroleira estatal asinaron o pasado 24 de maio un Memorándum de Entendemento de Colaboración "para a construción de remolcadores (7 en Galicia e 7 de forma conxunta con estaleiros mexicanos), sempre que se dean condicións de calidade, prezo e oportunidade". As condicións, xa que logo, parecen darse ante o recoñecido nivel tecnolóxico e competitivo dos estaleiros galegos que, segundo as mesmas fontes, serán os encargados de construír dous destes remolcadores, nun acordo que nada ten que ver co asinado entre a filial da petroleira mexicana Pemex, PMI, e Navantia e Barreras para a construción de dous buques hoteis.
A noticia, que sería feita pública nalgún momento das dúas vindeiras semanas -presumiblemente en plena campaña- confirmará unha carga de traballo moi necesaria para o sector naval galego e servirá tamén para deter, en parte, as protestas duns traballadores que xa advertiron de posibles accións "sorpresa" durante a campaña electoral, dependendo de como avanzaban as noticias sobre acordo con México e da resposta que dea o Goberno á eterna reclamación dun dique flotante para Navantia na ría de Ferrol. Iso si, queda por saber que empresas galegas serían as destinatarias do encargo.
Os armadores mexicanos poderían ser agora o atranco. A patronal asegura que Pemex desbotou construír os remolcadores en Galicia.
O propio Mariano Rajoy asegurou este luns que o acordo entre a filial de Pemex e os estaleiros galegos era só o "prólogo" de novos contratos que se asinarían no futuro. Un deles, o destes dous remolcadores, que está pactado desde hai xa tempo. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse o domingo "convencido" de que Galicia "ten a posibilidade real e factible" de facer máis barcos para a petroleira azteca, "entre eles os remolcadores que están previstos no acordo estratéxico".
Malia que o trato entre Pemex e os estaleiros é claro, os problemas poderían chegar de novo desde México, ao igual que no caso das dúbidas vertidas pola petroleira estatal sobre os buques hoteis. Neste caso, as advertencias chegan desde os armadores do país azteca. A Cámara Mexicana del Transporte Marítimo vén de asegurar en declaracións a varios medios que "Pemex xa desbotou adquirir os 14 remolcadores en España".
José Manuel Urreta Ortega, vicepresidente da patronal dos armadores, afirma que "Petróleos Mexicanos deu marcha atrás á adquisición de 14 remolcadores en España" e engade que Pemex Refinación ratificou que eses buques "que se ían facer en Galicia vanse facer finalmente en México".
Unha vez máis, Pemex espalla dúbidas sobre o acordo estratéxico asinado en Galicia, que está a crear unha gran polémica en México. Nos vindeiros días ten prevista a súa visita a España o secretario de Estado de Enerxía mexicano, Jordy Herrera, que prevé aclarar os termos de varios acordos entre Pemex e compañías españolas.