A Xunta promove o galego para os negocios cos paises lusófonos

Cartaz da campaña © Xunta

A campaña O galego, chave para os teus negocios, posta en marcha pola Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) en colaboración coa Consellería de Cultura, promove a utilización do galego como lingua dos negocios tanto dentro coma fóra de Galicia. Fai fincapé especialmente co carácter "internacional" do galego e nas vantaxes que achega para os negocios das empresas da comunidade nos países da lusofonía: "o galego non só permite a comunicación coa Lusofonía, senón que xera o clima de confianza que proporciona comunicarse sen intermediacións", di a Consellaría. Esta campaña contrasta enormemente coa política lingüística desenvolvida polo Goberno galego nos últimos tres anos e medio.

Esta campaña contrasta enormemente coa política lingüística desenvolvida polo Goberno galego nos últimos tres anos e medio

A campaña incide en que "moitas empresas xa se decataron de que o galego é un factor que suma: unha vantaxe competitiva que serve para situar as súas empresas de forma diferencial en mercados moi competitivos" e engade que "en contraposición a uns mercados europeos paralizados ou cando menos ralentizados pola crise, novos lugares para facer negocios emerxen na América latina e en África, e dúas das economías máis vigorosas neses dous contextos son a brasileira e a angolana".

A este respecto sinala que "economía, lingua e cultura únense neste contexto para facilitaren a comunicación do empresariado galego en novos lugares nos cinco continentes" e cita como mercados potenciais a Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau que teñen o portugués como lingua oficial, e engade que "importantes comunidades lusófonas abren portas en lugares como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón". A campaña salienta que o 20% dos 12 000 millóns de euros que a economía galega exportou durante 2011 proceden de países lusófonos.

A campaña amosa de que maneira empresas presentes en países lusófonos se benefician xa da utilización do galego nos seus usos cotiáns; igualmente, ofrece información específica sobre o contorno cultural e empresarial da Lusofonía e sobre como "coidando e mellorando o seu galego, o empresariado pode desenvolver unha estratexia que lle permita achegarse a unha clientela maior".

Cartaz da campaña © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.