A Xunta recortará o soldo dos funcionarios en 2013

Concentración de empregados públicos, este xoves ante a Xunta Dominio Público Praza Pública

Novo recorte aos empregados públicos. Os funcionarios da Xunta sufrirán en 2013 recortes no seu salario e semellantes aos que o Estado impuxo neste mesmo ano aos traballadores de todas as súas administracións públicas, segundo informa El País. A medida será comunicada este venres aos sindicatos por parte da Consellería de Facenda, que ten previsto presentar o capítulo de gasto en persoal dos Orzamentos da comunidade. As centrais denuncian que a Administración négase a confirmar o recorte, pero tampouco o desmente.

O recorte seguirá a liña marcada polo Estado, que baixou un 7% o salario dos traballadores públicos

Malia que Feijóo asegurara na campaña electoral -e tamén antes- que non esixiría máis esforzos aos empregados públicos porque consideraba que xa se sacrificaran dabondo, os representantes sindicais foron citados este venres para darlles a coñecer unhas contas pero, sobre todo, para comunicarlles estas medidas de axuste que van na liña das levadas a cabo polo Goberno central e co único obxectivo de achegarse a cumprimento do déficit. "Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos desde o punto de vista retributivo; xa fixeron dabondo", asegurou o presidente da Xunta a finais do mes de agosto.

Feijóo prometera en campaña non esixir máis esforzos aos funcionarios

Por parte do Estado, a decisión principal foi a redución dun 7% do salario dos traballadores públicos a través da suspensión da paga extra de Nadal, unha rebaixa que será semellante á que agora aplicará a Xunta, pero da que aínda non se coñecen os detalles. Non se sabe aínda se o axuste se fará a través das retribucións extras ou directamente no soldo. Segundo El País, Facenda non confirmou cifra ningunha, pero si admite que se os recortes chegaron en 2012 cun déficit máximo permitido do 1,5%, o límite imposto para 2013 do 0,7% obrigará a novos sacrificios.

Logo da xuntanza semanal do Consello da Xunta, Feijóo asegurou que os funcionarios "cobrarán máis de forma efectiva en 2013 do que cobraron en 2012", sen ofrecer máis aclaracións e sen desmentir a cifra do 7% de recorte de salario coñecida hoxe. Di que "non verán diminuído os seus salarios sobre o que percibiron en 2012". "Imos repoñer parte da paga extra que deixaron de percibir", engadiu, supoñendo que Rajoy cumpra coa súa promesa de recuperar a paga extra eliminada. "Recuperarán máis os que menos cobran e menos, os que máis", engadiu.

Feijóo asegura que os funcionarios "cobrarán máis de forma efectiva en 2013 que en 2012", pero non desmente o recorte

De confirmarse esta baixada do 7%, os salarios dos empregados públicos teríanse retraído case un 30% nos últimos catro anos, tal e como lembran as centrais sindicais.

A reacción dos sindicatos non se fixo esperar. "É unha agresión máis que xa nos agardabamos, malia as promesas que fixera Feijóo de que non ía haber  máis recortes", asegura Fernando García, secretario nacional de CIG-Administración, que advirte de que a Xunta "vén de pasar a liña vermella". "Estamos chegando a niveis de confrontación social moi grandes; o que se viu no Parlamento polo das preferentes vaise acabar trasladando ao noso sector ante o continuo deterioro que provocan as medidas do Goberno", avisa o representante sindical, que asegura que o director xeral de Función Pública, nunha xuntanza deste xoves, non desmentiu as medidas de axuste. Aínda máis, confirma García, advertiu de futuros recortes que poderían afectar o persoal interino.

Nunha concentración en San Caetano, Pilar de Celis, presidenta da Xunta de persoal dos servizos centrais da Xunta, asegurou tamén que a Administración se nega a confirmar as medidas de axuste e remite os sindicatos á xuntanza do venres. "Seguiremos protestando porque non podemos permitir que os recortes caian sempre nos mesmos; a clase política segue sendo privilexiada e os asesores nunca se tocan", insistiu

"A Xunta acaba de pasar a liña vermella", advirten os sindicatos

Pola súa banda, Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, asegura non ter "confirmación ningunha" das medidas que tomará á Xunta para poder cumprir co obxectivo de déficit, pero asegura que de concretarse a rebaixa salariar sería "unha nova criminalización" dos empregados públicos e unha "nova mentira" por parte do PP e de Núñez Feijóo, que "prometen unhas cousas ante unhas eleccións para logo facer o contrario".

A protesta de traballadores públicos levada a cabo en San Caetano foi, xa que logo, máis quente do previsto logo de que os funcionarios coñecesen pola prensa un novo recorte no seu salario. Os sindicatos entregaron carbón simbolicamente ao presidente da Xunta. Ademais, CCOO, CIG, CSI-F e UGT, sindicatos con representación na mesa xeral da función pública, convocaron xa outra concentración para este venres a partir das 13.30 horas diante da sede da EGAP. "Só será a primeira", advirten.

Hai que lembrar que en febreiro pasado, tal e como lembra a CIG nun comunicado, a Xunta xa se adiantou ás medidas que en xullo aplicou o goberno de Mariano Rajoy (eliminación do complemento das baixas por incapacidade, redución dos días de asuntos propios, retirada do fondo de acción social, suspensión na práctica do dereito á negociación colectiva ou modificación unilateral do convenio), asegurando que aplicaba estes recortes co obxectivo de "evitar novas baixadas salariais". "Agora, e a pesar das promesas lanzadas na campaña electoral, semella que Núñez Feijoo estará unha vez máis á vangarda dos recortes", lembran.

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo
'Agasallos' para o presidente da Xunta CC-BY-SA Merixo
Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.