A Xunta recortou os fondos para acceso á vivenda un 70% en tres anos

Promoción de vivendas protexidas no Porriño © IGVS

O pasado decembro, en pleno shock social polo salto aos titulares dos suicidios de persoas a piques de seren desafiuzadas, a Xunta anunciaba un plan de medidas paliativas para estes desaloxos. O Goberno galego anunciaba a posta á disposición dunhas 500 vivendas para, en réxime de cesión ou alugueiro, tentar aliviar a situación das persoas desafiuzadas. A propia exposición daquel plan amosaba o seu carácter excepcional, case composto ao ritmo dos acontecementos. Pero, cal é o verdadeiro compromiso do Goberno galego co acceso á vivenda? Segundo os Orzamentos Xerais da Xunta, este compromiso vén descendendo moi significativamente nos últimos anos, nomeadamente, cunha caída de máis do 70% dende 2010.

Nas primeiras contas públicas elaboradas polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo o programa de "acceso á vivenda", xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), contaba con 84,03 millóns de euros, 13 máis que nos últimos orzamentos do bipartito. Naquel documento orzamentario a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da que depende o IGVS, explicaba os obxectivos que perseguía con este programa. Entre eles situábase "impulsar o desenvolvemento de solo residencial para a creación de solo con destino preferente á construción de vivendas protexidas" e tamén a "construción de vievenda de promoción pública", xa fose "rematando as vivendas xa iniciadas nos anos anteriores" ou "iniciando novas actuacións".

Entre os obxectivos do programa están a construción de vivendas protexidas e as subvencións para potenciar o alugueiro

Para as novas vivendas, a Xunta explicaba que ía obter solo "mediante cesión de terreos por parte dos concellos" ou ben botaría man de "solos propiedade ou adquiridos polo IGVS". Cos fondos deste programa impulsaríase tamén a "aplicación da normativa de Calidade e do Código Técnico da Edificación", íanse ofrecer "incentivos para a construción de vivendas protexidas de calidade con destino a alugueiro, especialmente de xente moza e maiores de rendas limitadas", e íase subvencionar "o acceso á compra de vivendas de protección autonómica de nova construción e de vivendas usadas". Do mesmo xeito, prestábase especial atención a "facilitar o acceso á primeira vivenda de calidade a colectivos de ingresos medios e baixos" e a persoas "con especial dificultade polas śuas circunstancias persoais".

"Subvencións aos inquilinos que aluguen a súa vivenda no marco do programa de vivenda en aluguer" ou a "erradicación do chabolismo e da infravivenda rural" eran outros dos obxectivos dun programa que na actualidade está lanzado por unha costa abaixo orzamentaria. A tesoira comezou a funcionar nos Orzamentos de 2011, cando deixou polo camiño 34,6 millóns de euros, pasando así de máis de 80 millóns a algo menos de 50. En 2012 subiu levemente, pasando de 49,4 a 49,6, pero en 2013 experimenta unha nova e notable baixada, con tan só 23,6 millóns de euros dispoñibles, segundo o proxecto de contas públicas que se está a tramitar no Parlamento. 

Esta caída de fondos públicos para o acceso á vivenda prodúcese nun contexto no que, como informou Praza Pública, o solo reservado para vivenda protexida está nun raquítico 7,11% de media no conxunto de Galicia. Tras a derrogación das normas do bipartito só dous concellos, Vigo e Ribadeo, superan o 20% de reserva que establecera o Goberno de Manuel Fraga.

Promoción de vivendas protexidas no Porriño © IGVS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.