Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa de Navantia en Ferrol, non é optimista pero si está convencido de que os estaleiros acadarán carga de traballo. "Non podo selo polo que poidan facer os responsables, pero si estou convencido de que a pelexa e a forza sindical dará resultados", asegura quen lembra que o veto da UE segue sendo o principal atranco que sofre a principal industria de Ferrolterra, unha terra afogada polo paro e a falta de futuro.
A carga de traballo non chega aos estaleiros, as promesas de Pemex tampouco se concretan e agora Navantia anúncialles que lles suprime a paga de Nadal, como recibiron a noticia?
Pois como unha mostra máis do comportamento desta empresa, que segue ao ditado do Goberno do PP e das súas instrucións dunha maneira cega e que non ten capacidade de decisión emrpesarial. Son só transmisores e lacaios da Administración. Non teñen liberdade nin capacidade de acción. Son monicreques, marionetas de quen os coloca.
"Navantia é unha empresa lacaia do Goberno; non ten liberdade para nada, é un monicreque"
Agardaban que lles aplicasen os mesmos recortes que aos funcionarios?
Había tempo que se escoitaban cousas, pero non o agardabamos. Teñamos en conta que non sé é un problema económico para os traballadores, que tamén, senón para a comarca. Estamos a falar de entre 3 e 3,5 millóns de euros en paga de Nadal para Ferrolterra. É unha medida que afectará á hostelería, ao sector servizos, ao comercio ou incluso ao sector marisqueiro, porque nesas datas todo o mundo facía un esforzo por gastar algo máis. Pero hai máis...
Que outra lectura hai?
A estratexia do Goberno é profundar nunha política da dereita máis rancia, advertir da liña que se está a seguir e que se seguirá. Comezaron cos funcionarios, continúan coas empresas estatais e, feito isto, seguirán coas empresas privadas. É unha forma de dicirlle á xente: se recortamos aos funcionarios e ás compañías estatais, como non vos imos recortar a vós? O que non imos permitir é que as empresas auxiliares sigan ese camiño e se descolguen de convenios colectivos ou acordos salariais. De ser así, dirixiremos todas as nosas forzas a deter iso.
"Será un outono quente e reivindicativo, pero tamén triste; o naval de Ferrolterra perdeu 1.600 empregos no último ano"
En definitiva, que se prevé un outono quente...
Será un outono quente, reivindicativo e triste. Xa é triste porque se eliminaron 1.600 postos de traballo desde hai un ano e hai moitos destes traballadores despedidos ou non renovados que están rematando os subsidios. Será unha etapa triste aínda que consigamos arrincarlle a este Goberno a tan prometida carga de traballo.
E son optimistas respecto a conseguir esa carga de traballo?
Non temos optimismo, pero si o convencemento de que o imos arrancar aínda que non nolo dean de boa gana. A base de mobilización, de sacarlle as cores a estes responsables políticos e ads contradicións e promesas incumpridas, imos ser quen de conquerila. O presidente da Xunta di que ou dique ou carga, pois non apostamos polas dáus cousas. O dique é unha reclamación que recuperamos como solución. Fomos nós os que lles abrimos os ollos aos responsables políticos, aos que convencimos e polo que logramos que a SEPI viñese aquí. Fáltanos a reunión definitiva, pero imos seguir pelexando para que se lle dea o OK. Non somos optimistas polo que poidan facer os que deberían ser os responsables, pero si estamos convencidos de que a nosa pelexa e a nosa presión conseguirá resultados.
"Manteño o que dixen: Navantia non pode construír os quimiqueiros de Pemex, non podemos competir con Corea"
Mantén vostede que os quimiqueiros de Pemex que Feijóo prometera para Navantia serán construídos en Corea?
Mantemos que Navantia non pode acadar ese contrato porque nós non podemos competir cos estaleiros coreanos. E non porque non sexamos competitivos, senón porque en Corea contan con axudas gubernamentais, que están prohibidas na UE, e non teñen ningún tipo de regulación salarial nin laboral. Son mundos industriais completamente diferentes en canto á construción civil. Navantia está configurada para facer buques de alta complexidade, con alto valor engadido que precisan de empresas auxiliares mo formadas e compenetradas. Nós competimos na industria militar cos mellores estaleiros do mundo e o que precisamos é apoio político para ir defender as nosas unidades, que son as de maior calidade, como fixo Sarkozy en Francia.
"Non podemos deixar a construción civil en mans da competitividade económica; precisamos acordos políticos coas contrapartidas que sexan"
Sen apoio político é imposible conseguir un encargo?
Claro. Para acadar un encargo civil, nós precisamos apoio político. Non podemos deixar isto en mans da competitividade económica porque somos un estaleiro inmenso onde, por exemplo, os custos de inicio de actividade xa serían moi difíciles de asumir fronte a outras ofertas. Precisamos facer 7 ou 8 buques para que sexa rendible. Iso sábenoos respondables da Xunta perfectamente. Sen un acordo político coa contrapartida que sexa para o país que demande buques, Navantia non pode competir. É demagóxico botar a pelota sobre Navantia, que ten moitas responsabilidades na xestión e na optimización de recursos, pero non no feito de non poder competir cos estaleiros asiáticos.
Hai forma de competir con eles no futuro?
A UE xa nos limita e na OCDE lévase moito tempo intentando eses países asiáticos se amolden a unhas normas como as nosas, pero é moi difícil loitar contra empresas como Yamaga, Daewoo ou Mitsubishi, grandes xigantes que tocan todos os paus industriais e que teñen o apoi gubernamental, incluso a través do accionariado. Esa é a trampa legal para subvencionalos e para nós é un mundo inaccesible.
Daquela, é imposible competir?
Nunca poderemos competir en prezo con eses estaleiros, pero non polos salarios que cobramos, que é a mensaxe que o Goberno quere enviar. A eliminación da paga extra forma parte desta estratexia e da intención de reducir soldos. Se dependese diso, teriamos que ir traballar case gratis, como os nosos avós, que só descansaban para comer e aos que as nosas avoas achegaban a comida en fiambreiras. E ese modelo cara ao que camiñamos, cara a condicións sociais e laborais de hai 60 ou 70 anos.
"Quixemos desenmascarar de inmediato o 'bluf' sobre os quimiqueiros de Pemex; ese encargo nunca foi pensado para nós"
Non hai solución para o naval? Ten algunha esperanza nos acordos entre Xunta e Pemex?
Non estamos dicindo que non vaian aparecer solucións. Non estamos falando dos sete buques remolcadores nin de outros, falamos dos quimiqueiros porque sabemos que iso nunca foi para nós. Foi un bluf mediático que quixemos desenmascarar de inmediato porque soubemos hai tempo que nunca foi pensado para nós. Calquera outra opción, benvida sexa. Pero tamén dicimos algo: que se vaian conretando as promesas dunha vez.
Aproban o traballo feito pola Xunta para conseguir carga de traballo?
A Consellería de Industria, cando gobernaba o PSOE en Madrid, reclamaba moito, pero agora leva escondido meses e sen falar do naval. O conselleiro viña antes aquí a montar paripés co alcalde de Ferrol, mentres a Xunta prometía orzamento da Xunta para os estaleiros. E seguimos sen ter resposta. Incluso Rajoy, no seu discurso de investidura e ante millóns de persoas, faltou da sexta fragata para Navantia e o primeiro que fixo foi reducir os orzamentos en Defensa, ademais de anunciar as dificultades da Armada para pagar proxectos anteriores de Navantia. E isto non é unha broma porque pode provocar a quebra da empresa. O Exército está reducindo á mínima expresión as reparacións mentres anuncia problemas para liberar os cartos destinados aos estaleiros... É para botarse a tremer. Isto non ten boa pinta.
Achegándonos xa ás eleccións autonómicas, ben seguro que as promesas chegarán. Vostedes sempre se queixan de ser usados electoralmente por todos os partidos.
É algo recorrente en Ferrol. Somos a principal empresa da comarca e agora empezarán os partidos a facer promesas e a meterse na lama. A nós non nos poden acusar de partidistas porque nos maltrataron todos os partidos e sacamos as cores a todas as formacións. Sufrimos esta utilización porque neste país estamos nunha campaña electoral constante. Sei que o PP é o partido que se sente máis aludido, pero temos que dirixir a nosa presión cara a eles porque gobernan todo. Gobernan Ferrol e Fene, a Deputación da Coruña, a Xunta e o Estado. Con razón diriximos cara a eles as nosas reivindicacións e todo o noso rancor. É o ABC. O PP dixo que tiña solucións, prometeu algunha delas pero seguimos igual que hai un ano, cando nin tan sequera gobernaban en Madrid.