A Xunta tira a toalla e renuncia ao dique flotante

Protesta do naval en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Malia as continuas promesas en campaña electoral de Feijóo e de boa parte do PP. A pesar de que todos coinciden na necesidade desta infraestrutura, a Xunta tira a toalla e desbota que Navantia constrúa o dique flotante. Así de claro o deixou este mércores o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que cre que "a responsabilidade chama a que non se poña en marcha". Dio despois da resposta negativa de Bruxelas á consulta realizada polo Goberno de España e despois de que moreas de declaracións mostrasen o compromiso dos populares con este proxecto.

"A responsabilidade chama a que non se poña en marcha", di o conselleiro Francisco Conde

Na resposta da Comisión Europea, a Dirección Xeral da Competencia advirte reiteradamente da posibilidade de incorrer en axudas estatais ou financiamento privilexiado, o que iría contra o dereito comunitario, ante o que o conselleiro Conde constatou que "sempre que o proxecto do dique supoña un incumprimento da normativa de axudas de Estado, loxicamente a responsabilidade chama a que non se poña en marcha ese proxecto".

Logo aclarou, no entanto, que iso "non quere dicir que non se traballe nun reforzo da área de reparacións". Pero xa non hai prioridade ningunha co dique. O "primeiro", segundo o conselleiro, é obter carga de traballo; o "segundo" que Navantia poida afrontar e ser competitiva na área de reparacións; e o "terceiro", que diversifique as súas actividades e aproveite todas as súas instalacións.   

Francisco Conde aclarou que, segundo as directrices da UE, a achega pública máixima na construción do dique debería ser do 15%, polo que o resto deberían ser "privadas". Así, destacou que o dique "é un proxecto que pode permitir incrementar as capacidades da área de reparacións" pero tamén que se "pode traballar noutro tipo de infraestruturas".

"O que hai que garantir é que Navantia cumpra coa normativa de axudas de Estado, porque, doutra maneira, suporía pór en perigo a propia viabilidade da empresa", advertiu, tras non dar esperanzas sobre a posibilidade de reformular o proxecto trasladado á Comisión.
"Todo o que supoña conseguir carga de traballo é obxectivo da Xunta e ten que ir acompañado de reforzar a área de reparacións; identificaremos todas as posibilidades que o permitan", insistiu.

O Goberno galego di que os catro contratos actuais de Navantia "supoñen o dobre de investimento do que suporía o dique"

"O estaleiro está a atravesar un veto" -desde 2005 e até 2015- e "ten que garantir o seu cumprimento e o futuro do estaleiro, o que significa cumprir a normativa de axudas de Estado", volveu aclarar Conde, que evitou cualificar de decepción a decisión da UE e presumiu dos catro contratos que agora "son realidades" en Navantia e "supoñen o dobre de investimento do que suporía o dique flotante". 

"En principio, Bruxelas o que traslada é que Navantia non pode recibir nin directa nin indirectamente axudas de Estado. E loxicamente a partir de aí temos que seguir traballando como estamos a facer desde que asumimos o Goberno e impulsando unha política comercial intensa que permita dotar de carga de traballo o estaleiro", dixo. "Cando se expuxo o proxecto do dique flotante, Navantia non tiña ningún tipo de contrato. Hoxe ten catro contratos que duplican o investimento que suporía a propia construción do dique e nese sentido ese é o camiño. Dotar de carga de traballo, niso temos que traballar conxuntamente", repetiu.

"Unha consulta a mala gana"

Pero a oposición non é tan benévola. O BNG entende que a negativa da Comisión Europea "non é definitiva" e que responde só ao modelo de financiamento que plantexou o Goberno. Por iso, cre que está "a proba" a "vontade real" do Executivo de levar a cabo ese investimento. Así o aclararon o seu voceiro nacional, Xavier Vence, e a eurodeputada Ana Miranda, que lembrou que a consulta do Estado a Bruxelas foi "feita de mala gana" e só "ante a presión social e sindical". Así, piden que "se reformule a proposta para poder encaixala no marco legal comunitario". 

O BNG advirte que a negativa "non é definitiva" e pide ao Estado "que a reformule para encaixala no marco legal da UE"

Ademais, o PSdeG cre que o dique flotante é "unha cuestión de Estado" e reclámalle a Feijóo que "asuma responsabilidades políticas" por presentarse como "garante da infraestrutura" e non acadar nada. Así o dixo a deputada ferrolá Beatriz Sestayo, que acuso o PP de "buscar escusas" para renunciar á obra, tras advertirlle de que "aínda hai vías abertas" para levar o dique á ría. A parlamentaria visitará Bruxelas en setembro para trasladar alí as reivindicacións de Ferrolterra.

AGE, pola súa banda, foi tamén moi crítica coa actitude da Xunta e do PP e reclamo explicacións a Feijóo por ter prometido e comprometido en múltiples ocasións un dique flotante do que agora desiste. A súa voceira, Yolanda Díaz, chegou incluso a pedir a "dimisión" do conselleiro Francisco Conde a través da súa conta de twitter, ademais de chamar á cidadanía da comarca a reclamar a construción da infraestrutura.

O PP presume de ser o partido que máis fixo polo naval e bótalle a culpa da negativa ao PSOE e a Almunia

O PP, pola súa banda, volveu botar balóns fóra, presumiu de ser o partido que máis fixo por Navantia e polo naval e acusou o PSOE e o comisario da Competencia, o socialista Joaquín Almunia, de ser o culpable da negativa ao dique. 

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria © Conchi Paz
Manifestación polo futuro do naval en Galicia © CIG-Metal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.