A xustiza da UE cre que librar do IBI a Navantia pode ser ilegal

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) considerou este xoves que as exencións fiscais aos estaleiros públicos de Navantia poderían constituír axudas de Estado ilegais, aínda que aclarou que lle corresponde á xustiza española comprobalo.

O tribunal europeo cre que as exencións fiscais a Navantia poden ser axudas ilegais

A exención do Imposto sobre Bens Inmobles da que se beneficia a empresa pública Navantia podería constituír unha axuda de Estado prohibida pola lexislación europea, segundo a sentenza emitida polo TXUE.

O alto tribunal comunitario deixa agora en mans do xulgado da localidade galega de Ferrol, que iniciou a consulta sobre o caso, analizar se en realidade é así. Este xulgado comezara a devandita consulta no pasado mes de outubro ao preguntar ao tribunal de Luxemburgo se é compatible coas normas comunitarias "que un Estado membro poida establecer unha exención fiscal sobre un terreo da súa propiedade cedido a unha empresa privada de capital integramente público (Navantia SL) na que esta subministra bens e presta servizos que poden comerciarse entre Estados membros".

O alto tribunal da UE deixa en mans do xulgado ferrolán decidir sobre unha exención fiscal pola que manteñen preito Navantia e Defensa co Concello

Trátase dun ditame sobre o preito de Navantia e o Ministerio de Defensa contra o Concello de Ferrol polo cobro do IBI dos terreos nos que se sitúa o estaleiro. En realidade, é unha cuestión prexudicial que elevou ante o Tribunal da UE o xuízo do contencioso-administrativo de Ferroo, Cristóbal Pintado, tras un recurso contra a denegación por silencio administrativo da solucitude de exención do imposto e contra unha resolución do concelleiro de Facenda pola que se desestimaba o recurso de resposición contra a liquidación do IBI imposto en 2010.

A demanda na que se solicitaba a exención do IBI foi admitida a trámite en xuño de 2011 e o Concello personouse como parte demandada, para logo Navantia ampliar a reclamación solicitando a exención dos exercicios seguintes a 2010. O xuíz explicaba no auto que esta cuestión prexudicial pretende analizar a compatibilidade co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da UE dunha exención fiscal da que se beneficia unha empresa privada, aínda que aclara que o capital desta pertence integramente ao Estado e que os traballos son fundamentalmente para buques españois ou doutros países.

Defensa e Navantia solicitaron en 2008 unha exención fiscal que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais

O Concello de Ferrol liquida cada ano o IBI cunha cota que supera o medio millón de euros. O xuíz entende que o suxeito pasivo do imposto é o Estado polo que é a factoría a que ten que soportar o custo final do imposto e quen finalmente se beneficia da exención. A administración local si percibiu desde antes de 2007 a cantidade, pero en 2008 Defensa e Navantia solicitaron a exención que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais.

O TSXG revogara unha sentenza do xulgado do contencioso e declarou que si había lugar a recoñecer a exención fiscal, pero para o maxistrado esta exención podería implicar unha axuda estatal ilegal que falsea ou ameaza falsear a competencia.

Por outra banda, e nesta mesma mañá, traballadores dos estaleiros ferroláns saíron en manifestación desde Esteiro ao Arsenal militar volvendo reclamar carga de traballo para Navantia e poucos días despois de que a empresa confirmase o traslado de parte do flotel que se vai construír na ría ao de Puerto Real, en Cádiz.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Vista das instalacións de Navantia en Ferrolterra © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.