A xustiza europea bota abaixo o céntimo sanitario

En outubro o Tribunal de Xustiza da UE xa emitiu un ditame contrario a este imposto CC-BY-NC-ND Philips Communications

O Tribunal de Xustiza da UE vén de declarar que o imposto sobre hidrocarburos coñecido como céntimo sanitario é contrario á lexislación comunitaria. A sentenza, que abre a porta a que Galicia teña que devolver todo o recadado entre 2002 e 2012, segue o ditame feito público en outubro, ao que Feijoo restou importancia, afirmando que o imposto estaba "blindado". O tribunal acepta a demanda dunha empresa de transporte establecida en Catalunya, que solicitara que se lle devolvesen os 45.000 euros que tivera que pagar por este imposto. O caso acabara no Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, que lle pediu á xustiza europea que se pronunciase. 

As distintas administracións do Estado Español recadaron entre 2002 e 2012 un total de 13 mil millóns de euros

As distintas administracións do Estado Español recadaron entre 2002 e 2012 un total de 13 mil millóns de euros destinados, en principio ao financiamento da sanidade pública. O fallo abre a posibilidade de que teñan que devolver esa cantidade cobrada, aínda que o Goberno español e a Generalitat solicitaron que a sentenza non tivese efectos retroactivos. Porén, o texto do tribunal declara que "non procede limitar no tempo os efectos da sentenza", porque o feito de que mantivesen o imposto en vigor durante máis de dez anos leva a que "non poida admitirse" que actuaran de boa fe.

En outubro o avogado xeral do Tribunal de Xustiza da UE, Nils Whal, sinalou nun ditame non vinculante (pero que finalmente tivo un peso decisivo na decisión do tribunal) que o imposto era contrario á directiva sobre os impostos especiais por ser redundante coa taxa especial sobre hidrocarburos e, ademais, porque non se demostraba que estivese concibida para desincentivar o seu consumo. O avogado xeral destacaba que cando se creou o céntimo sanitario o Tribunal xa ditara unha sentenza semellante e que, polo tanto, "España semella ter asumido deliberadamente o risco de seguir adiante coa lexislación controvertida e, en consecuencia, esa lexislación aplicouse durante moitos anos en prexuízo do consumidor final e do mercado interior".

A Xunta prevé que en 2014 a recadación por impostos indirectos subirá un 6,4%, unha suba impulsada, entre outros factores, polo incremento do do céntimo sanitario

Daquela, preguntado por este ditame na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijoo salientou que “o Goberno español modificou hai tempo a lexislación que sostén o imposto do céntimo sanitario para blindalo ante calquera problema que teña nas instancias europeas”. O presidente do Goberno galego sinalaba que o ditame facía referencia a unha reclamación que era "anterior á modificación lexislativa” e polo tanto non afectaba "á decisión da Xunta”, adoptada no proxecto de lei de orzamentos para 2014. Nestes orzamentos, a Xunta prevé que a recadación por impostos indirectos subirá un 6,4%, unha suba impulsada, entre outros factores, polo incremento do do céntimo sanitario, que se encareceu en 3,6 céntimos por litro de gasóleo e en 2,4 céntimos na gasolina.

Este xoves Núñez Feijoo volveu soster que esta sentenza "non afecta ao treito autonómico do imposto sobre hidrocarburos" pois o imposto "no que a sentenza da UE se pronuncia" foi "derrogado polo Estado para adaptarase á normativa da UE"

Este xoves, de novo na rolda de prensa posterior á xuntanza do Consello, Núñez Feijoo volveu soster que esta sentenza "non afecta ao treito autonómico do imposto sobre hidrocarburos" pois o imposto "no que a sentenza da UE se pronuncia" foi "derrogado polo Estado para adaptarase á normativa da UE". O presidente da Xunta tamén negou que a sentenza implique a devolución dos cartos cobrados ilegalmente: "este imposto creouse no ano 11 por iniciativa do estado como forma de financiamento adicional ás comunidades autónomas, polo tanto correspóndelle ao Estado responder a respecto da sentenza. Nos anos anteriores, na nosa opinión, correspóndelle á Facenda estatal a execución da sentenza".

En calquera caso, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR) "felicítase polo contido da sentenza" e sinala que "deixa perfectamente claro que non procede limitar no tempo os efectos da mesma tal como solicita o Goberno español". Segundo as estimacións que manexa esta organización, "as cifras totais a reclamar correspondentes aos últimos 5 anos por cada vehículo de transporte de mercadorías poden acadar os 9.000 euros". Sumados o sector do transporte de mercadorías e o de viaxeiros, sinalan, "poderiamos estar a falar dunha devolución total ao sector profesional do transporte por estrada en España superior a 2.000 millóns de euros".

 

Que sucederá agora?

España, prevendo esta sentenza contraria, modificou a lexislación, de xeito que a partir do 2013 o céntimo sanitario se integrou dentro da Lei de Hibrocarburos

O fallo declara ilegal o imposto tal e como foi aplicado entre 2002 e 2012 e abre a porta a que as administracións teñan que devolver o cobrado nese período. Porén, é certo que España, prevendo esta sentenza contraria, modificou a lexislación, de xeito que a partir do 2013 o céntimo sanitario se integrou dentro da Lei de Hibrocarburos. Dende ese momento se unha comunidade autónoma quere manter a taxa, ten que facelo a través do treito autonómico da devandita Lei de Hibrocarburos. É esa modificación á que se agarra Feijoo para asegurar que a taxa se manterá. Porén, son varios os expertos que xa apuntaron a incosistencia xurídica de manter un imposto ligado a unha suposta finalidade concreta, como neste caso.

Pero de igual maneira, estes expertos destacan a dificultade do proceso de devolución dos cartos cobrados ilegalmente a través desta taxa, agora declarada ilegal. O pagador deste imposto foron neses dez anos os consumidores minoristas de carburantes, e son a estes consumidores a quen lle tería que devolver a administración os cartos. Porén, semella complicado que un condutor ou condutora poida reclamar esta devolución (mentres non presente as facturas que acrediten o pagamento). Si se podería dar o caso que de unha empresa de transporte (coma a que iniciou este proceso xudicial en Catalunya) poida acadar o reintegro (facturas mediante) de todo o pagado en exceso.

 

Reaccións de AGE e BNG

AGE vén de solicitar a retirada do céntimo sanitario imposto polo goberno galego nos orzamentos deste ano, "xa que os fundamentos xurídicos da sentenza europea afectarían igualmente a esta medida e podería provocar que se tivera que devolver todo o recadado no futuro". Segundo o deputado Antón Sánchez, "o que se cuestiona en realidade é que mediante un imposto sobre hidrocarburos se financien actuacións (neste caso sanitarias) distintas da finalidade específica de paliar os efectos no medio ambiente e na saúde da utilización de determinados hidrocarburos, tratándose de ingresos tributarios afectados ao gasto sanitario, e cunha finalidade orzamentaria".

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclámalle ao presidente da Xunta que explique "cal será o custe que terá que afrontar Galiza para devolver o denominado céntimo sanitario aplicado entre xaneiro de 2002 e xaneiro de 2013". Para Vence, "con independencia de cal sexa o mecanismo para devolver o recadado ilegalmente, os que perden son os contribuíntes". “Quen lle devolve os cartos aos galegas e galegas que durante dez anos estiveron pagando o céntimo sanitario cada vez que botaban gasolina ou gasóleo nos seus coches para pagar un imposto ilegal?”, pregúntase o dirixente nacionalista, que advirte que eses mesmos contribuíntes "volverán agora a pagar cos seus impostos a devolución das cantidades que se reclamen".

Feijoo asegurou que, a pesar do ditame contrario, o céntimo estaba "blindado" © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.