A Xustiza obriga a Amancio Ortega a regularizar fiscalmente a súa sociedade

Tenda aberta recentemente por Inditex CC-BY-NC-SA andor

A Audiencia Nacional vén de confirmar a regularización fiscal de Gartler SL, a sociedade patrimonial de Amancio Ortega, fundador de Inditex. Esta sociedade, e segundo destaca Anova nun comunicado, deduciu indebidamente durante varios anos as retribucións como administrador do considerado terceiro home máis rico do mundo.

Segundo informa Anova, a recente sentenza da Audiencia Nacional de 21 de marzo de 2013 confirma a regularización fiscal pola que a Administración Tributaria de Galicia procedeu a incrementar a base imponible do imposto de sociedades de Gartler, sociedade patrimonial de Amancio Ortega e titular daquela do 60% de Inditex.

A sociedade de Amancio Ortega incluíu indebidamente como gasto deducible a retribución anual do fundador de Inditex

Deste xeito, o ditame declara prescritas as liquidacións dos exercicios 1999 e 2000, pero mantén as dos anos 2001 e 2002, incrementando a base imponible do imposto de sociedades en máis de 1,4 millóns de euros e 1,26 millóns respectivamente. Segundo a sentenza, a sociedade Gartler incluíu indebidamente como gasto deducible a retribución de Amancio Ortega -máis dun millón de euros ano ano-, malia que nos estatutos se especificaba expresamente que este cargo non levaba aparellada retribución ningunha e que o fundador de Inditex nin estaba contratado laboralmente pola sociedade nin dado de alta na Seguridade Social.

"É especialmente lamentable que a sociedade de Ortega teña que ser regularizada fiscalmente"

Para Anova, resulta "especialmente lamentable que unha sociedade patrimonial dunha das persoas máis ricas do mundo e propietario do 60% de Inditex (cuxa valoración de mercado a día de hoxe sería de 36.771 millóns de euros) teña que ser regularizada fiscalmente por deducir ilegalmente do seu imposto de sociedades unha retribución como administrador da, precisamente, terceira maior fortuna do planeta". Así, a formación  nacionalista "exixe" do Goberno "unha inspección fiscal das sociedades patrimoniais e das sicav para evitar que mediatne a prescricións sexan unha fonte de fraude fiscal".

Tenda de Zara en Moscova © Inditex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.