Abanca presume de “compromiso coa contorna” tras a desaparición do Popular-Pastor

Escotet, durante a presentación de resultados de 2016 © Abanca

A xunta de accionistas de Abanca reúnese este luns ás nove da mañá na sede de Afundación na Coruña para, entre outras cousas, aprobar as súas xa coñecidas contas anuais correspondentes a 2016, con 334 millóns de euros de beneficio neto, e aprobar o reparto de beneficios. Pero este domingo, pouco máis de dúas semanas despois da compra do Popular-Pastor polo Santander, e en plena polémica por unha nova redución do tecido bancario galego, a entidade emitiu un comunicado no que presume de “compromiso coa contorna”.

A entidade reúne este luns a súa xunta de accionistas para repartir beneficios e salienta a súa “estratexia enfocada en todo momento cara a solidez e a prudencia”

A entidade, herdeira das desaparecidas caixas de aforros e comprada a finais de 2013 polo grupo venezolano Banesco, que lidera Juan Carlos Escotet, ao Estado por 1.003 millóns de euros, contía que xa pagou antes do previsto, salienta que “en materia de rendibilidade, Abanca alcanzou un resultado acumulado de 1.485 millóns de euros en tres anos”. O banco tamén presume de ter “un dos mellores perfís financeiros do sector en España” e de que “afronta o seu futuro como unha das entidades máis solventes do sector, cunha calidade de carteira por encima da media, e con cotas de mercado en ascenso en todas as liñas de negocio” grazas á súa “estratexia enfocada en todo momento cara á solidez e a prudencia”.

Abanca salienta que é a única entidade financeira que conta con oficina en 86 municipios de Galicia, "o que supón evitar a exclusión financeira de máis de 180.000 habitantes"

En plena polémica sobre a concentración do sector bancario en Galicia e a posible desaparición de máis oficinas alí onde coincidan as do Popular-Pastor e o Santander, Abanca salienta a súa “proximidade ao cliente” e “o noso compromiso coa nosa contorna”. “O compromiso coa contorna é para Abanca un elemento inseparable da súa actividade de negocio, especialmente en Galicia”, di, e engade a continuación que “Abanca é a única entidade financeira que presta servizo con oficina permanente en 86 municipios galegos (e noutros 8 a través de oficina móbil), o que supón evitar a exclusión financeira de máis de 180.000 habitantes”.

Gráficos sobre os seus resultados distribuídos por Abanca Dominio Público Abanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.