Non convence. As palabras do vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Competencia, Joaquín Almunia, nas que pedía ao Estado ou ás autonomías que fosen eles os que compensasen os afectados polas preferentes a través dunha partida nos seus orzamentos non están a ser ben recibidas. Polo menos por parte de Adicae (Asociación de Usuarios de Bancas, Caixas e Seguros), agrupación que xestiona e asesora milleiros de denuncias en todo o Estado.
Nun duro comunicado, Adicae censura que Almunia achegue como solución ao problema, que afecta a máis de 70.000 persoas en Galicia, “as axudas públicas do Estado en forma de subsidios”. Segundo a asociación, con estas palabras o comisario “ignora completamente a realidade do sucedido en España” e insisten en que a solución “debe ser legal e xusta” ao ter sido as preferentes “comercializadas fraudulentamente por case toda a banca española, contradiciondo unha directiva europea que o comisario debería coñecer”.
"O comisario ignora a realidade do sucedido en España coas preferentes; a solución debe ser legal e xusta"
“O señor Almunia non debería sementar a alarma a centos de miles de familias atrapadas, pequenos aforradores que teñen prendidos os seus aforros nun auténtico corralito que supón o primeiro rescate que tivo o sistema financeiro, cos máis de 30.000 millóns de euros secuestrados a cidadáns e usuarios”, critica nun comunicado Adicae, que lembra tamén ao comisario europeo que os afectados “non son bonistas”, como el mesmo afirma, e que a “estafa” produciuse “coa complicidade ou o asentimento da CNMV e do Banco de España”.
"O primeiro rescate do sistema financeiro español son os 30.000 millóns que teñen secuestrados a cidadáns e usuarios"
Así, a asociación recórdalle tamén a Almunia que non cómpre falar de “prezo de mercado”, tal e como asegurou nunha conferencia da UIMP, nin de ningún outro concepto dun mercado de valores transparente “porque este non foi o caso” e porque “así tampouco se solucionou en ningún outro país da UE”.
A plataforma de afectados de Adicae leva meses esixindo responsabilidades civís e penais aos dirixentes das entidades nacionalizadas e advirte xa que as estenderá “a aquelas que reciban financiamento do rescate” para “defender o millón de familias atrapados nas preferentes e noutros produtos tóxicos de aforro”, incluídos os dous millóns de accionistas forzosos cos que agora varios bancos pretenden solucionar os seus graves problemas.
Tendo en conta os cálculos máis optimistas, en Galicia hai cando menos 70.000 persoas afectadas polo engano da emisión masiva de participacións preferentes. Unhas 43.000 contratáronas a través das antigas caixas, agora NCG Banco, cunha emisión de máis de 1.000 millóns de euros. Pero polo menos uns 27.000 foron “enganados” por outras entidades, ben sexa o Santander, BBVA ou o Banco Popular.
As diferentes plataformas de afectados que hai en Galicia, e que se espallan xa por numerosas comarcas, levan meses solicitando unha solución “urxente” e rexeitan a opción da arbitraxe que propón a Xunta de Galicia. Desde Novagalicia Banco, os seus responsables séguenlles pedindo paciencia e tempo a un prexudicados que solicitan un arranxo “político” e que, aínda que aceptan tomar o camiño da vía xudicial, saben que esa vía pode demorar a solución varios anos máis.