Admitido a trámite o recurso da Xunta contra a supresión das primas a renovables de Rajoy

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

O Tribunal Constitucional (TC) vén de admitir a trámite os recursos de inconstitucionalidade interpostos polo Goberno de Estremadura e pola Xunta de Galicia, que se une ao de Canarias, contra a supresión das primas ás renovables. O Executivo galego presentou o recurso contra o Real Decreto Lei 11/2012, de 27 de xaneiro, co que se suspenden os procedementos de preasignación de retribución e dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de cogeneración, fontes de enerxía renovables e residuos.

O Gobernode Feijóo entende que o decreto "invade competencias propias" da autonomía

A Xunta entende que este decreto, recorrido xusto despois das eleccións, "invade competencias propias" da comunidade autónoma, polo que recorreu co obxectivo de "protexer" sectores de enerxías "eficientes" como a eólica, o biogás, a biomasa e a coxeración. En concreto, o Goberno de Feijóo entende que a norma estatal atenta contra a seguridade xurídica e xera "incerteza" nos axentes investidores, ademais de afectar "o lexítimo e pacífico exercicio" das competencias propias da autonomía. Tamén alega que terá "un impacto económico limitado" a curto prazo no que respecta ao déficit de tarifa, "un problema xa coñecido desde hai anos".

Pola súa banda, o Consello de Goberno de Estremadura acordou interpor o recurso  "en defensa dos intereses de todos os estremeños", baseándose nun informe do Consello Consultivo estremeño encargado polo Executivo rexional  para determinar a idoneidade ou non da medida.

Galicia e Estremadura interpuxeron este recurso de inconstitucionalidade contra a reforma do Goberno central, do mesmo xeito que o Executivo de Canarias, que xa a pasada semana valorou como "boa noticia" a decisión do Tribunal Constitucional, ao considerar que reafirma a tese "de que o triunfo das enerxías renovables será unha realidade".

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Ana Varela
Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.