Afectados galegos denuncian na UE a "estafa" das preferentes

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Os afectados polas preferentes dan un paso máis. Fartos da falta de resposta política e incluso xudicial, as plataformas da Coruña e de Vigo veñen de presentar unha denuncia na UE, a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, polo que consideran "unha estafa" que sufriron máis de 70.000 persoas en Galicia. Solicitarán a devolución íntegra dos seus cartos e que Bruxelas "abra unha investigación sobre os directivos das caixas galegas" que permitiron esta situación, polo que pedirán tamén que se "depuren responsabilidades políticas e penais" sobre os responsables das antigas entidades de aforro.

Pedirán que se "abra unha investigación sobre os directivos das caixas" e que se "depuren responsabilidades políticas e penais"

Farano a través do europarlamentario de Izquierda Unida, Willy Meyer, vicepresidente da devandita comisión, e co apoio de Alternativa Galega de Esquerda. A súa número dous, Yolanda Díaz, explicou este venres na Coruña un novo paso que está liderado polas plataformas de afectados polas preferentes de Vigo e da cidade herculina, pero na que se anima a outros colectivos galegos e estatais a que se unan a esta denuncia, que provocará que institucións europeas "recollan toda a información necesaria e investiguen o procedemento das preferentes", así como que os afectados "acudan a Bruxelas a explicar directamente e con detalle a estafa que sufriron".

Se a denuncia se admite a trámite, a comisión investigará o procedemento dos preferentes e os afectados contarán o caso no Parlamento Europeo

Será neste vindeiro mes cando a Comisión de Peticións da UE decida se admite a trámite a denuncia -algo moi probable vistos os antecedentes-, o que permitiría incluso que representantes das insititucións europeas acudisen a Galicia a investigar a "fraude" das preferentes.

"A UE segue considerándonos investidores porque ninguén lles explicou que somos aforradores estafados", di a voceira da plataforma da Coruña

Ana Cedeira, voceira da plataforma da Coruña explicou nunha comparecencia ante a prensa que este novo paso pretende que se faga xustiza co que considera "terrorismo financeiro contra a vida humana". "Foi unha trama creada polos banqueiros e apoiada polos gobernantes", asegurou, logo de aclarar que a Unión Europea segue considerando aos afectados "investidores" porque "ninguén lles foi explicar que somos aforradores estafados". Agora saberano.

"É un drama humano, roubáronnos a vida"

Cedeira explicou que a solución que lle achega agora a clase política é "que perdamos o 70% ou 80% dos nosos cartos". "O único pecado que cometemos os afectados foi confiar nos empregados das caixas que, malia as ameazas dos seus xefes, demostraron non ter ética nin moral", dixo con contundencia. "É un drama humano porque a moitos quitáronlles os aforros de toda a vida, roubáronlles a vida", rematou a voceira da plataforma da Coruña, que advertiu das consecuencias que terían unha solución desfavorable para os afectados. "Hai quen xa dixo que lle daba igual ir ao cárcere que ao cemiterio; están dispostos a todo", finalizou.

 

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @ivanformigueiro

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.