AGE e BNG sinalan a responsabilidade do PP na "desfeita" de Alimentos Lácteos

Traballadores pedindo solución para Alimentos Lácteos CC-BY-SA CIG

A pasada semana o xulgado Mercantil de Lugo condenou os administradores de Alimentos Lácteos, Eugenio Montero e Arcadio López, a pagar 2,9 millóns de euros polo prexuízo causado á empresa ao solicitar tarde o concurso de acredores. Foi o derradeiro capítulo dun fracasado proxecto empresarial que recibiu da Xunta 9 millóns de euros, xestionados por destacados militantes do PP, agora condenados, e cuxo proxecto foi elixido polo Goberno galego pasando por riba dunha unión de máis de vinte cooperativas liderada por Feiraco e que aspiraba a ser a semente do desexado grupo lácteo galego.

Xavier Vence cualificou de "despropósito" toda a operación

Este luns tanto AGE coma o BNG sinalaron a responsabilidade neste proceso tan gravoso e tan frustrante. “Alimentos Lácteos é a principal desfeita do mundo cooperativo galego, produto da xestión clientelar e caciquil amparada pola Xunta e o PP”, afirmou o deputado de AGE Antón Sánchez, que engadiu que “para nós é urxente e necesario separar as responsabilidades xudiciais das responsabilidades políticas”. De igual xeito, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, cualificou de "despropósito" toda a operación, unha “trama corrupta formada polos amigos do PP de Romay Beccaría, Feijóo e Cañete que, en lugar de promover a planta de Outerio de Rei estragaron 9 millóns de euros recibidos do Igape e estafaron a centos de explotacións arruinadas polo impago das entregas de leite”.

 

"Só purgan os chibos expiatorios"

“Trátase dun enorme golpe ao cooperativismo e á confianza dos gandeiros e gandeiras nese mundo”, dixo Antón Sánchez

Na súa intervención deste luns, acompañado do tamén deputado Ramón Vázquez, Antón Sánchez cualificou a "descarga de responsabilidades que a Xunta está a realizar" nos dous administradores da empresa, Eugenio Montero e Arcadio López, como un “cordón sanitario". "Só purgan os chibos expiatorios para que as responsabilidades da desfeita non cheguen máis arriba”, sinalou Sánchez. O deputado de AGE afirmou que os impulsores da fracasada operación empresarial "deben asumir responsabilidades políticas, entre eles Samuel Juárez, que agora anda por terras afastadas, e mesmo Romay Beccaría. Ou o propio Alberto Núñez Feijóo, entusiasta impulsor de todo a operación". “Trátase dun enorme golpe ao cooperativismo e á confianza dos gandeiros e gandeiras nese mundo”, engadiu Antón Sánchez.

"Dende que se declarou a creba técnica da empresa en 2011, o Goberno galego meteu máis de catro millóns de euros na mesma. Por que?"

Ramón Vázquez lembrou, así mesmo, que "dende que se declarou a creba técnica da empresa en 2011, o Goberno galego meteu máis de catro millóns de euros na mesma". De igual xeito, Antón Sanchez denunciou que a sentenza xudicial indica que a administración da empresa atrasou deliberadamente a solicitude de concurso de acredores para evitar que Pascual –a propietaria da planta de Outeiro de Rei- sufragase as indemnizacións dos traballadores e traballadoras. "Así, a administración de Alimentos Lácteos, controlada por dous membros relevantes do Partido Popular, aforroulle 2,6 millóns de euros a Pascual, co que as operarias e operarios foron despedidos en peores condicións", dixo.

AGE solicitará este martes, na xunta de portavoces da Cámara, a constitución dunha comisión de investigación sobre a "desfeita" de Alimentos Lácteos

“Esiximos que se aclaren responsabilidades políticas no Parlamento”, declararon os deputados de Alternativa Galega de Esquerda, que anunciaron que mañá solicitarán, na xunta de portavoces da Cámara, a constitución dunha comisión de investigación sobre a "desfeita" de Alimentos Lácteos.

 

“Unha estratexia propia para defender o noso sector"

Na rolda de prensa ofrecida esta mañá por Xavier Vence, dedicada a analizar a situación do sector lácteo en Galicia, o portavoz nacional do BNG dedicou unha parte importante da súa intervención a tratar o "despropósito" da operación de Alimentos Lácteos. Vence lembrou que esta "estafa" non só rematou nos xulgados senón que, ademais, "arruinou a opción de crear un grupo leiteiro galego baixo o liderado de Feiraco" e rematou "coa venda da planta lucense a Logística Alimentaria, “outra empresa dos amigos do PP que son traficantes de leite en negro nos últimos anos a baixo prezo e que teñen como socio un grupo financeiro madrileño chamado Valparaiso”, denunciou.

“Precisamos unha estratexia propia para defender o noso sector, que está perdendo capacidade de producir", sinalou Vence

Para Vence “intereses espurios" estragaron a posibilidade dun grupo lácteo galego "que xa Feijóo dinamitou pero que sigue necesitando Galiza”. “Precisamos unha estratexia propia para defender o noso sector, que está perdendo capacidade de producir pese a que se importou 318 millóns de quilos de leite en 2013 que veñen da Francia, Alemaña ou Bélxica”, sen esquecer o “incerto” horizonte que se abrirá cando en maio de 2015 desapareza o actual sistema de cotas, afirmou Vence.

"Alguén imaxina que hoxe se pode producir un litro de leite a 29 céntimos cos custes que teñen que asumir os gandeiros e gandeiras?”, preguntouse Vence, lembrando que en 2008 o prezo estaba en 45 céntimos

 O BNG advirte que o sector lácteo está nunha situación “dramática” asfixiado por unha caída continuada do prezo do leite por imposición das industrias e distribuidoras, que provoca á ruína dos produtores e o peche de explotacións. "E todo co consentimento do Goberno de Feijóo", engade. "Alguén imaxina que hoxe se pode producir un litro de leite a 29 céntimos cos custes que teñen que asumir os gandeiros e gandeiras?”, preguntouse Vence, lembrando que en 2008 o prezo estaba en 45 céntimos. "O máis grave" -denunciou- "é a inacción do Executivo galego".

 

Propostas

O Bloque demanda a creación da figura dun “árbitro público” que dirima os incumprimentos nos contratos

O BNG propón "garantir contratos e prezos xustos para os produtores na súa relación coas industrias evitando que se impoñan condicións leoninas e o incumprimento sistemático da figura do contrato homologado". E lembra que "o 60% das empresas se negan sequera a asinar estes contratos pese a ser obrigatorios para equilibrar a capacidade de negociar entre as partes". Para evitalo o Bloque demanda a creación da figura dun “árbitro público” que dirima os incumprimentos nos contratos. O Bloque tamén demanda impulsar a creación dun grupo lácteo galego, reforzar a interprofesional leiteira, mellorar a diversificación para ganar valor engadido e apoiar a produción de base cooperativa para reforzar a súa posición ante as cadeas de distribución.

Traballadores pedindo solución para Alimentos Lácteos CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.