AGE: Feijóo e Mato buscan "transformar a clase obreira galega en clase obreira escrava”

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Juan Fajardo, deputado da Alternativa Galega de Esquerda cualificou de "desastre" o balance da xestión do Goberno galego en materia de emprego e destacou que "fronte á maquillaxe das cifras do INEM", a EPA amosa que o desemprego seguiu aumentando en Galicia no último trimestre, con mil persoas máis nesta situación. Fajardo destacou que os servizos públicos de emprego "expulsan" da súa contabilidade "a aquelas persoas que entran nun proceso de selección que non é máis que obter unha cita cun dos funcionarios do INEM para facer un currículum", ou por "participar nun curso de formación de dubidosa utilidade se temos en conta que o 33 por cento dos realizados orientábanse ao sector da construción".

Fajardo sinalou que as políticas da Xunta redundan en "peores condicións laborais, peores salarios e peores xornadas", o que "converte" a Alberto Núñez Feijoo e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, nos novos “tratantes de escravos do noso país”. “Feijóo e Mato buscan transformar a clase obreira galega en clase obreira escrava”, dixo Fajardo, quen salientou "a similitude existente" entre as condicións laborais que pretende instaurar o PP na actualidade e as que se tiñan na época do franquismo “cando os traballadores cobraban o salario en sobres semanais, practica que semella ser bastante habitual no Partido Popular”, engadiu.

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.