Agricultura e servizos impulsan o incremento do emprego en 19.000 persoas nun ano

Dominio Público Praza Pública

Galicia sumou 18.900 empregos nun ano, un incremento do 1,8% impulsado polo aumento da ocupación no sector primario e nos servizos. Son os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre deste ano, onde o número de ocupados aumentou en 23.900 persoas con respecto ao trimestre anterior até situar a cifra en 1.057.900 e a taxa de ocupación no 45%. 

O número de ocupados aumenta en 23.900 persoas no trimestre e en 18.900 no último ano

Este incremento baséase no sector servizos, onde o número de ocupados aumenta en 10.100 persoas no trimestre (+1,4%) respecto aos tres meses anteriores, e no primario, onde sobe en 5.500 (+8,1%). Pero tamén na industria, cun impulso do 5,2% e 8.200 ocupados máis. En termos interanuais, no entanto, esta suba concéntrase case totalmente nos sectores primario e terciario, que acumulan 17.500 ocupados máis

Así, con respecto ao mesmo trimestre de 2015, o número de ocupados na agricultura e na pesca aumenta en 8.500 persoas (+13,1%) e en 9.000 no sector servizos (+1,2%), fronte á suba de 2.200 na industria (+1,3%) e o descenso en 800 na construción (-1,1%). 

Con respecto a hai un ano, a ocupación aumenta en 17.500 persoas nos sectores primario e terciario

Por sexo, aumenta tanto a ocupación masculina como a feminina: en 13.900 e 10.000 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 201 respectivamente. Tamén en termos interanuais, cun incremento de 7.300 e 11.600 respectivamente. 

Xa que logo, o paro no terceiro trimestre de 2016 descende en 16.200 persoas en Galicia respecto ao segundo trimestre, quedando así a cifra en 206.700 e nunha taxa do 16,3%. En comparación co mesmo período do ano pasado,  o número de desempregados baixa en 16.100 persoas (un 7,2%) e a taxa de paro 1,4 puntos. Tamén descende en ambos sexos.

O número de parados descende nunhas 16.000 persoas con respecto ao trimestre anterior e a hai un ano

En canto ao paro xuvenil, a taxa diminúe durante o trimestre 5,6 puntos até situarse no 27,9%. En comparación co terceiro trimestre de 2015 diminuíu 1,7 puntos. Dos 326.800 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 126.600 (o 38,7%) están ocupados, 49.000 (o 15%) parados e os 151.200 (o 46,3%) restantes son inactivos.

A temporalidade segue a medrar

A taxa de actividade en Galicia sitúase na actualidade no 53,8%, bastante máis baixa da do Estado (59,28%), aumentando o número de activos en 7.700 persoas neste terceiro trimestre con respecto ao anterior. En comparación co mesmo período de 2015, sobe en 2.700 persoas e a taxa increméntase tres décimas.

Os asalariados con contrato temporal aumentan en 20.700 persoas no terceiro trimestre

Onde as cousas non cambian e seguen empeorando é na temporalidade. Dos 837.900 asalariados de Galicia no terceiro trimestre de 2016, 608.300 teñen contrato indefinido e os 229.600 restantes, ontrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 6.300 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un aumento do 1%, pero os suxeitos a un contrato temporal aumentan en 20.700 persoas (o que supón, en termos relativos, unha subida do 9,9% con respecto ao segundo trimestre de 2016). Na variación interanual, os asalariados con contrato indefinido aumentaron un 2,1% e os asalariados con contrato temporal un 1,7%, compensando a temporalidade característica da época estival. 

Xa que logo, a taxa de temporalidade aumenta 1,6 puntos neste trimestre, ata situarse no 27,4%. E hai máis: a taxa de parcialidade involuntaria sitúase no 63%, polo que de cada cen persoas que teñen un contrato a tempo parcial, téñenno por non atopar un a tempo completo e non por decisión propia. Unha taxa superior á do 61% que se rexistra no resto do Estado, como destaca UGT-Galicia. 

 

Máis de 70.000 fogares con todos parados

Ademais, no terceiro trimestre de 2016, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 3.600 unidades e sitúase aínda nos 72.100. Respecto ao terceiro trimestre de 2015 esta tipoloxía de fogares cae un 1,4%.

Por outra banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 13.500 unidades. O número de fogares nesta situación é de 570.100. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 16.300 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 2,9% en termos relativos.

O número de vivendas con todos os activos en paro aumenta un 69% desde 2009; a cifra de fogares sen ingresos, un 91%

Pero a pobreza e precariedade non se afastan. Hai 34.800 vivendas que non teñen ningún perceptor de ingresos. De comparar estes datos cos de 2009 reparamos nun incremento do 69% no caso das vivendas nas que todos os activos están no paro, ao incrementarse en case 30.000 unidades. Ademais, houbo un incremento do 91,4% nos fogares que non teñen ningún perceptor de ingresos, ao pasar de 19.700 a esas 34.800. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.