Alcoa abre a porta a escoitar ofertas polas plantas se os comités negocian xa o ERE

Mobilización de persoal de Alcoa na Coruña © CCOO-Galicia

Alcoa abre a porta agora a escoitar ofertas de investidores para as plantas da Coruña e de Avilés, ambas ameazadas co peche e co despedimento duns 700 traballadores. A multinacional propón tamén ampliar o período de consultas, que remata o 30 de novembro, sempre que os comités de empresa acepten constituír a mesa de negociación do ERE e o da Coruña se incorpore ás negociacións tras non acudir ás xuntanzas por considerar o expediente ilegal. 

Alcoa, disposta a escoitar ofertas de constituírse a mesa de negociación do ERE e incorporarse o comité da Coruña ás xuntanzas

Esta nova postura de Alcoa, segundo adiantaron na tarde deste martes varios medios asturianos, chegou na reunión que mantiveron representantes da compañía e do comité de empresa de Avilés. Non estaban presentes representantes da planta da Coruña, que se negaron a acudir ás xuntanzas deste período de consultas do ERE, que podería ser executado a partir do 1 de decembro de non ampliarse o devandito período. 

Alcoa esixe agora que os representantes dos traballadores da fábrica coruñesa acudan ás xuntanzas para comezar a negociación e ofrecen ampliar no tempo o período de consultas para así acceder a escoitar ofertas, aínda que tamén aclara que ten que ser unha proposta sólida e viable, algo que polo momento non teñen recibido. Todo iso no caso de que os representantes da fábrica da Agrela se incorporen ás reunións. 

A empresa acepta ampliar o plazo de negociación sempre que o comité da Coruña non insista no seu veto

Ademais, a compañía tería previsto acudir á vindeira poxa de ininterrompibilidade, do 10 ao 14 de decembro, con todas as súas plantas no Estado (as da Coruña, Avilés e San Cibrao). A vindeira xuntanza entre comités e Alcoa está prevista para o próximo xoves. Agora queda por saber se os representantes do persoal da Coruña aceptan a oferta da empresa e se incorporan ás negociacións ou se manteñen o seu veto por considerar irregular o ERE. 

Mentres, traballadores da planta de Alcoa na Coruña trasladaron este martes as súas mobilizacións ao interior do centro comercial Marineda City, a tan só uns metros da factoría. Ademais, convocaron outra mobilización que se celebrará o próximo sábado ao mediodía na praza de María Pita, fronte á sede do Concello. Este mércores, haberá unha camiñada desde as 17.30 horas entre a fábrica e o Banco de Alimentos Rías Altas de Meicende. 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público @TraballadoAlcoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.