Alcoa propón despedir o 70% do persoal e seis meses para atopar unha alternativa ao peche

Mobilización na Coruña contra o peche de Alcoa Dominio Público Concello da Coruña

Manter 200 empregos nas plantas da Coruña e de Avilés e botar 500 persoas á espera de que apareza un comprador en seis meses. De non ser así, despedir os que queden e botar o fecho ás factorías. Esa é, en resumo, a proposta coa que este xoves lle apareceu Alcoa ao persoal nas conversas da negociación do ERE, que non paraliza e cuxa data límite segue a estar no día 15, na vindeira semana. 

Os comités de empresa rexeitan unha proposta que non contempla proxecto viable ningún para manter o emprego e a actividade

A proposta foi rexeitada con rotundidade polos comités de empresa, que a consideran un peche en diferido que non contempla proxecto viable ningún para o mantemento de todos os operarios e da actividade das plantas. A idea de Alcoa é manter 200 trabalaldores do total de 686 e continuar coa actividade nas fundicións. Detería progresivamente as series de electrólise, durante un mes para, pasados eses 30 días, aplicar un ERTE (expediente de regulación temporal de emprego) sobre 486, o 70% do persoal.

Ademais, Alcoa dálles de prazo até ese día 15 --o vindeiro martes-- para chegar a un acordo sobre esta proposta e agardará quince días máis, até inicios de febreiro, para tomar unha decisión definitiva de non habelo. En todo caso, mesmo chegando a un pacto, Alcoa pechará e desmantelará as fábricas se antes do 30 de xuño non aparece un comprador para as plantas. 

Persoal de Alcoa, ante o Ministerio de Industria en Madrid © @TraballadoAlcoa

O persoal rexeitou a proposta e contestou pedindo de novo que o Goberno central actúe, asuma a titularidade das factorías unha vez que Alcoa lle provisione o custo de desmantelamento e busque un investidor ou unha alternativa de reindustralización xunto á Xunta, o Principado e os comités de empresa. 

O persoal insiste na intervención do Estado para a busca dun investidor pero o Goberno central di que non aplicará solucións "contrarias á normativa europea"

A proposta de Alcoa inclúe un plan social con recolocacións na factoría de San Cibrao e noutra empresa externa, prexubilacións e o aumento nas indemnizacións ofrecidas cando empezaron as xuntanzas, até 45 días por ano traballado cun límite de dúas anualidades. 

Os comités de empresa non só non aceptan a proposta senón que a consideran intolerable e mesmo advirten dunha posible trampa por parte da multinacional, que presiona para que antes do vindeiro martes o persoal acepte un acordo. O Goberno central, pola súa banda, insiste en ampliar o período de negociación do ERE e advirte de que o estatuto para a industria electrointensiva podería estar listo en tres meses. 

Ademais, insisten na intervención temporal da empresa por parte do Estado, en base ao artigo 128.2 d Constitución, para "tutelar" a súa xestión mentres se busca un comprador. Pero o Executivo central, tanto a través da Secretaría Xeral de Industria como do delegado do Goberno, Javier Losada, di "non contemplar solucións contrarias á normativa europea, como sería a nacionalización das plantas".

Neste venres, represententes do comité da Coruña reuníronse coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. López Corbacho, o presidente, advertiu de que "se Alcoa sae coa súa, o ridículo mundial" que fará España "vai ser de órdago"·. "Non se pode consentir tanto apoio de todas as institucións para que logo se permita pechar unha industria de futuro e estratéxica como a nosa", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.