Almunia dá esperanzas e di que hai "marxe" para reconsiderar a devolución do 'tax lease'

Feijóo, nunha xuntanza con Almunia en Bruxelas © Xunta

Almunia dá algo de esperanzas ao naval. O vicepresidente da Comisión e responsable de Competencia vén de asegurar en rolda de prensa que aínda hai "marxe" para reconsiderar a súa decisión de obrigar ao Estado español a devolver as axudas públicas concedidas aos estaleiros no marco do tax lease, aínda que aclarou que iso só será posible se o Goberno presenta "novos argumentos".

"Hai marxe para reconsideralo se o Goberno presenta novos argumentos", advirte Almunia

"Estamos a día 3, a decisión está incluída na axenda do colexio de comisarios do día 17 e hai marxe, na medida na que haxa argumentos para que esa marxe poida ser utilizada", asegurou Joaquín Almunia, que tamén confirmou que a vindeira semana recibirá ao ministro de Industria, José Manuel Soria, así como aos presidentes autonómicos de Galicia, Asturias e Euskadi, as comunidades que estarían máis afectadas pola medida proposta. O comisario europeo solicitou aos dirixentes que acudan á xuntanza que a traian "ben preparada".

Estas declaracións de Almunia chegan pouco despois de que el mesmo asegurase era "imposible" dar marcha atrás na devolución das axudas fiscais e que non pedía perdoar o reintegro ao estar obrigada a Comisión Europea a facer cumprir a normativa comunitaria.

O comisario da esperanzas poucas horas despois de advertir de que non podía perdoar o reintegro das axudas

"Non paga a pena ter unha reunión que non estea preparada porque sería repetir uns e outros argumentos que coñecemos practicamente de memoria", advertiu Almunia, que cre que "hai que intentar volver analizar o caso, ver se hai novos argumentos e discutir novos argumentos que poida haber". O comisario revelou que este martes falou co ministro Soria, pero tamén con dous presidentes autonómicos e cos secretarios xerais de UGT e CCOO.

Almunia, comisario da Competencia © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.