Almunia insiste en pedir a devolución do 'tax lease' mentres Vigo sae á rúa polo naval

Cabeceira de manifestación polo naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

Non hai tregua. O vicepresidente da Comisión e responsable de Competencia, Joaquín Almunia, dixo non e segue insistindo en solicitar a devolución das axudas duns 2.800 millóns concedidadas ao sector naval español entre 2005 e 2011 a través das bonificacións fiscais do tax lease. Non aceptou así os argumentos presentados polo ministro de Industria, José Manuel Soria, e polos presidentes autonómicos de Galicia, Euskadi e Asturias, durante a súa xuntanza en Bruxelas. Ás poucas horas, milleiros de persoas percorrían as rúas de Vigo pedindo solucións para o naval e presionando á UE para que dea marcha atrás nas súas intencións.

Almunia exime da devolución a estaleiros e armadores, pero non aos investidores e ás entidades que financiaron a construción

Almunia non deu nin medio brazo, agás eximir da obriga de devolver estas subvencións aos estaleiros e aos armadores que adquiriron os buques, pero non aos investidores e ás entidades que financiaron (e conseguiron grandes vantaxes) a construción. A decisión final chegará o vindeiro 17 de xullo, pero o comisario europeo semella inflexible. "Pódese excluír da responsabilidade aos armadores e xa dixeramos qeu os estaleiros non teñen responsabilidade ningunha na devolución; polo tanto, a devolución das axudas corresponde aos investidores", asegura.

O ministro Soria aludiu á "total inacción" da Comisión desde o ano 2002, cando se puxo en marcha o tax lease español, até 2011, polo que solicitou que só se tivesen que devolver as axudas posteriores a ese 2011, algo que non convenceu a Almunia. "Ninguén dixo nunca nada en contra do sistema de axudas", destacou o titular de Industria, que recordou a carta que a comisaria de Competencia en 2009, Neelie Kroes, enviara ao Goberno noruegués para aclararlle que "o sistema de axudas ao sector naval español é plenamente compatible coas normas da competencia en Europa".

O ministro Soria aludiu á "total inacción" da Comisión ao poñerse en marcha o 'tax lease', pero Almunia lembra que as multas a Francia crearon un precedente

No entanto, para Almunia a carta "non se pode tomar en consideración desde o punto de vista xurídico". Ademais, o comisario lembroulle ao ministro que desde 2005 a UE abriu unha investigación sobre o sistema francés de axudas aos estaleiros, algo que creou un precedente sobre a devolución destas bonificacións porque era un método "moi parecido ao español".  

"Outros argumentos, algúns dos cales foron expostos ou reiterados hoxe polos representantes do ministerio, das comunidades autónomas ou dos sindicatos, non se poden ter en conta porque non é posible encaixalos na xurisprudencia que rexe a disciplina das axudas de Estado", insistiu o vicepresidente ao finalizar a reunión.

Urkullu e Toxo piden a Rajoy que se poña en contacto directamente con Durão Barroso

Confirmada a negativa de Almunia, o lehendakari Íñigo Urkullu e o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, pediron ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que se poña en contacto co presidente da Comisión, José Manuel Durão Barroso, para tentar frear a decisión."Facemos unha apelación ao presidente do Goberno español para que se pronuncie ante o colexio de comisarios e particularmente ante o presidente da Comisión Europea", dixo o xefe do Goberno vasco, que expresou a súa "preocupación" pola situación.

 

"Non puidemos solucionar aínda o problema", di Feijóo

"Non puidemos solucionar aínda o problema. Seguimos con problemas para asegurar a viabilidade futura dos 87.000 postos de traballo que é o sector naval industrial español", admitiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Mentres, o presidente asturiano, Javier Fernández, dixo que eximir aos armadores da devolución das axudas "non é suficiente". "O risco de colapso dos estaleiros segue existindo e por tanto debe aplicarse ao noso xuízo que a devolución non teña lugar máis que a partir de 2011", insistiu. Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, cualificou a proposta de Almunia de "decepcionante e insuficiente".

Tamén foi "decepcionante" para os traballadores e os milleiros de cidadáns que percorreron as rúas de Vigo nunha manifestación que pediu solucións para o naval e que a Comisión Europea reconsidere a súa posición e non obrigue a devolver as axudas, o que condenaría o sector á súa desaparición e a eliminación de ducias de milleiros de postos de traballo no sur de Galicia.

Antes, pola mañá, e mentres a xuntanza se estaba a celebrar en Bruxelas, 2.000 traballadores do naval de Vigo manifestábanse na cidade para presionar ao comisario Almunia e a Bruxelas. Concentrados na Axencia de Control de Pesca que a UE ten na cidade olívica, e logo dun paro, os operarios despregaron unha bandeira negra en substitución da europea. Era negra e cada unha das estrelas representaba os estaleiros en perigo de desaparición se as axudas do tax lease se teñen que devolver.

Máis ou menos á mesma hora, os traballadores de Navantia Ferrol realizaron un paro de dúas hora no seu traballo no megabuque Adelaida, o que constrúen para a Armada de Australia e que é o último buque que queda en construción na ría ferrolá. Os operarios volveron reclamar carga de traballo e que o Goberno central e a Xunta cumpran as súas promesas.

Bandeira negra despregada na delegación comunitaria de Vigo Dominio Público @galizaCIG
Protesta de traballadores do naval en Vigo Dominio Público @galizaCIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.