Almunia promete axiña unha resolución sobre o 'tax lease' pero volve acusar o Estado da tardanza

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

O comisario da Competencia, Joaquín Almunia, asegura que a decisión da UE sobre o tax lease "está cerca", pero ao tempo recoñece "reticencias" por parte das autoridades españolas á hora de facilitar a información oficial requirida para que a administración comunitaria tome unha decisión sobre este sistema de bonificacións á construción de buques que estaba vixente en España desde 2003 e que foi paralizado pola Comisión Europea hai dous anos tras as denuncias presentadas por asociacións de estaleiros de Holanda, Noruega, Finlandia, Francia e Portugal. O ditame podería chegar antes do verán, segundo as autoridades europeas.

Almunia di que a decisión da UE "está cerca" pero recoñece "reticencias" por parte das autoridades españolas á hora de facilitar a información

Os estaleiros galegos levan tempo agardando a conclusión do expediente e da decisión que tome a UE sobre a posibilidade da devolución retroactiva dos beneficios fiscais desta medidas, así como sobre as prácticas de países como Holanda, Noruega ou Francia, aos que tamén se acusa de aplicar deducións fiscais directas á innovación e tecnoloxía de orixe que tamén poderían afectar as normas de competencia.

Sánchez Presedo e o BNG piden que o ditame se resolva "canto antes" e a CIG reúnese co director de Competencia

Foi durante a comparecencia de Joaquín Almunia ante os membros da comisión de Asuntos Económicos do Parlamento Europeo cando o eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo lle amosou a súa preocupación pola tardanza nos devanditos procedementos de inspección. "Unha investigación desta índole ten un impacto negativo nas empresas afectadas, polo que debe resolverse canto antes", reclamou o europarlamentario, que pediu unha solución "clara e xusta" e que lamentou que o sector fose a vítima dos erros das administracións.

Joaquín Almunia respondeu asegurando que se aínda non foi posible adoptar unha solución foi polas dificultades da Comisión para acadar toda a información pertinente, ato tempo que asegurou que de terse notificado o sistema de axudas en 2002, cando o Goberno de España o puxo en marcha, todo este proceso se tería evitado.

A preocupación dos traballadores do sector é cada vez maior ante a inexistencia de respostas por parte da UE. De feito, unha representación da CIG mantivo este martes unha xuntanza co director da Competencia e responsable do expediente do tax lease. Xestionada pola europarlamentaria do Bloque, Ana Miranda,  responsables da CIG-Metal da comarca viguesa trasladáronlle ás autoridades comunitarias "a urxencia por resolver o expediente e a importancia que o naval ten na cidade de Vigo, maior que en ningunha outra parte do Estado, polo peso e número dos estaleiros e polo volume de emprego que mobiliza". A única resposta foi que o ditame podería estar listo antes do verán.

Hai tan só uns días, o BNG presentou unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados para esixirlle ao Goberno accións imediatas "firmes e con celeridade" ante o comisario Almunia, para que “dunha vez resolva o expediente aberto ao estado español pola aplicación do anterior tax lease ao sector naval”.

Joaquín Almunia, durante unha conferencia de prensa © Comisión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.