Amancio Ortega aumenta en 3.300 millóns o seu patrimonio en bolsa en tan só un ano

Sede central de Inditex, en Arteixo © Xunta

A bolsa española subiu en 2013 o 21%. Un dato que contrasta cunha caída da economía dun 1,2% (referencia aproximada a falta de saír os datos oficiais do ano completo do INE) e cun futuro que prevé salarios en contracción e prezos á baixa.

Deste xeito, os que tiñan cartos dabondo como para xogarse unha parte na bolsa viron, con contadas excepcións, como os seus investimentos subían despois de anos de crise bolsista. Os grandes beneficiados foron, sen dúbida ningunha, as grandes fortunas de España que por fin viron como as súas participacións en empresas cotizadas españolas remontaban tras anos horribles (invisten noutros moitos produtos e fóra do Estado, así que a evolución das súas fortunas non está só ancorada ao Ibex 35).

As familias ricas incrementaron en 7.000 millóns o seu patrimonio en bolsa, 3.300 deles pertencen a Amancio Ortega

En total, as familias españolas máis ricas viron como subían as súas participacións en bolsa en algo máis de 7.000 millóns de euros. A repartición é moi desigual, xa que a forte revalorización de Inditex xa fai por si só que Amancio Ortega, o seu fundador e a persoa máis rica de España -e a terceira do mundo- incrementase o seu patrimonio en máis de 3.300 millóns de euros, case o 50% da revalorización das fortunas estatais no mercado bursátil (o 47,1% do total). Tamén mellorou a súa participación en NH Hoteles, e xa vendeu no comezo de 2014. En total, só en Inditex ten a enorme cifra de case 44.000 millóns de euros de patrimonio.

Outras fortunas víronse especialmente favorecidas por un ano brillante despois de exercicios de vacas fracas. As irmás Koplowitz, Esther e Alicia, non quedaron atrás. As súas participacións en Acerinox, FCC, Cementos Portland e Realia melloraron en 474 millóns de euros o ano pasado. No caso de Esther, as súas accións de FCC rexistraron unha enorme suba tras o reclamo da entrada de Bill Gates. Só coa mellora da construtora, as súas finanzas incrementáronse en 363 millóns de euros. Un balón de osíxeno para unha das empresas máis castigadas da bolsa española.

A participación de Emilio Botín no Santander incrementouse en cae 900.000 euros

Emilio Botín, presidente do Banco Santander, viu como a súa participación na entidade aumentou en case 900.000 euros. Polo menos na participación directa que o cántabro declara ter na CNMV e que lle achega algo menos dun 0,057% do primeiro banco de España. O seu irmán, Jaime, deu todo un pelotazo coa súa participación en Bankinter, pois aumentou en nada menos que en 573 millóns de euros (tamén é certo que aumentou nun 0,5% a súa participación no banco).

Este Botín estreouse ultimamente coas súas columnas en El País con ataques á política do Executivo. Entre outros reproches atópase a "desvalorización interna" que di provocaron as medidas de austeridade do Goberno e que, ao seu xuízo, "castigan sobre todo ás rendas máis baixas" e atrasarán a recuperación do consumo interno. Ao mesmo tempo, Economía púxolle unha multa de algo máis de 600.000 euros por non declarar parte da súa participación en Bankinter que estaba oculta en Suíza.

Villar Mir aumentou o seu patrimonio en case 900 milóns de euros

Un amigo íntimo de Emilio Botín, Juan Miguel Villar Mir, tamén é dos que viu como crecían os seus investimentos en bolsa. Coa súa participación en Abertis aumentou o seu patrimonio en algo máis de 877 millóns de euros, ao que hai que sumarlle a mellora de OHL, a construtora que fundou, que lle reportou unha mellora patrimonial de case 400 millóns de euros. En total, o seu patrimonio en bolsa nestas dúas cotizadas superan os 4.100 millóns de euros.

 

Do negocio familiar á pequena fortuna

No sector construtor, a familia Del Pino Calvo Sotelo, propietarios de Ferrovial, aproveitaron o ano para reducir as súas participacións en bolsa, tanto na propia construtora como en Acerinox e Indra. Con todo, o seu patrimonio bolsista mellorou en 631 millóns de euros o ano pasado.

Menos afortunada foi a familia Entrecanales, donos de Acciona. A súa participación na construtora diversificada noutras actividades (como a eólica) perdeu un valor de 588 millóns de euros. Tampouco foi un ano de alegrías para os Benjumea, donos de Abengoa, un dos maiores grupos de enerxías renovables do país. O seu patrimonio bolsista descendeu en 244 millóns de euros, aínda que aínda ostentan a posición en bolsa que implica ter máis de 10.000 millóns de euros pola súa participación do 57% en Abengoa.

Debullar os partícipes das compañías cotizadas ofrece unha información moi valiosa á hora de entender como son as empresas que cotizan. O parqué español está infestado de pequenas empresas nas que a familia fundadora fixo unha pequena fortuna, tanto co propio negocio como co seu patrimonio bolsista.

É o caso de boa parte das empresas que saíron a bolsa na primeira década do século, como Laboratorios Rovi, Solaria, Clínica Baviera, Renta 4 Banco, ou Grifols, por pór só uns exemplos. Iso si, rastrexar o patrimonio deste tipo de empresas resulta en moitas ocasións tan difícil como o das grandes fortunas.

O uso de sicavs, sociedades limitadas, e mesmo sociedades radicadas noutros países é moi común entre os grandes investidores

O uso de sicavs, sociedades limitadas, e mesmo sociedades radicadas noutros países, como Holanda, é moi común entre os grandes investidores bolsistas españois. Este é o caso de Víctor Grifols, dono dos laboratorios Grifols e que se fixo famoso despois de declarar en novembro de 2012 que deixaba de investir en España e que "antes que a Madrid marchaba a Xibraltar". A súa participación na empresa, que aumentou de valor en 105 millóns de euros, está depositada en Rodellar Amsterdam B. V. Mesmo moitas das participacións están entrelazadas nunha complexa mestura de participacións difícil de entender.

 

A nobreza cotiza á alza

A pesar de que se asocia a nobreza con investimentos conservadores como a xestión de fincas, o certo é que na bolsa española hai moitas persoas da nobreza. Sen ir máis lonxe, Esther Koplowitz, que en 1969 herdou da súa nai o título de marquesa de Peñalver. O seu actual marido, Fernando Falcó, é marqués de Cubas. Así mesmo, Javier Benjumea é marqués de Puebla de Cazalla; e Fernando Solís Martínez Campos, conselleiro en Abengoa, ostenta o título de conde de Torralva. José Manuel Lara, presidente do Grupo Planeta, máximo accionista de Atresmedia e vicepresidente de Banco Sabadell, é marqués do Pedroso de Lara.

Felipe González ten uns 40.000 euros coa súa participación en Gas natural

Tampouco faltan políticos, desde o máis alto ao máis baixo nivel. O expresidente Felipe González ten algo menos de 40.000 euros coa súa participación en Gas Natural, onde o cargo de conselleiro asegurou que lle parecía "aburrido". Ernesto Zedillo Ponce de León, ex presidente mexicano, forma parte do consello de administración de présa.

Banco Santander acolle a Isabel Tocino e Abel Matutes, ex ministros na época de José María Aznar. Joan Rosell, presidente da CEOE, ten un asento no consello de CaixaBank e Marcelino Oreja, no de Enagás. Ángel Acebes, ex ministro triplo: de Interior, de Xustiza e de Administracións Públicas con José María Aznar, pon o seu gran de area na dirección de Iberdrola. O ex ministro de Traballo Juan Carlos Aparicio é conselleiro en Indra e José Folgado, exsecretario de Estado con Aznar, preside Red Eléctrica.

Amancio Ortega Dominio Público Praza Pública
Unha tenda de Zara aberta recentemente © Inditex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.