Galicia acada tras 17 anos tantos cotizantes como antes da caída de Lehman Brothers

Detalle do traballo dunha estudante de FP do sector da madeira nunha localidade galega e gráficos coa evolución do emprego e do paro CC-BY-SA Praza.gal

As 1,095 millóns de persoas cotizando á Seguridade Social durante o pasado maio supoñen igualar unha cifra á que o mercado laboral galego non daba chegado dende xullo de 2008

Hai tempo que os datos globais do Estado veñen marcando máximos de cotizantes á Seguridade Social dende que hai rexistros comparables. En Galicia os niveis récord de emprego seguían ata agora nas cifras de hai década e media, as do verán que rematou coa quebra do xigante financeiro estadounidense Lehman Brothers, considerado inicio definitivo da gran crise económica e recesión que marcou a segunda década deste século.

Pero datos coñecidos este 3 de xuño permiten afirmar que o pasado maio o noso país xa deu igualado, en cifras redondas, o máximo de cotizantes de hai 17 anos. Se aquel nivel máis alto se situara en xullo de 2008 nunha media mensual de 1,095 millóns de persoas cotizando en Galicia, este pasado maio equiparou esa cifra ficando, en rigor, apenas 92 persoas por baixo: 1.094.808 fronte ás actuais 1.094.806.

Estes números sinalan unha tendencia á alza nas cifras de cotizantes en Galicia que ratifica tamén o dato do día final do mes. A 31 de maio había cotizando 1,097 millóns de persoas, 21.500 máis que no remate de maio de 2024. No conxunto do Estado a afiliación media mensual sitúase en 21,78 millóns de persoas -462.581máis que hai un ano- e o dato do derradeiro día do mes elevouse a 21,79 millóns.

Os positivos datos de cotizantes á Seguridade Social en Galicia veñen acompañados por un novo mínimo na serie histórica de persoas anotadas nas oficinas de emprego como demandantes dun posto de traballo. O paro rexistrado diminuíu en maio ata as 111.641 persoas, un descenso mensual de -3.904 que implica unha diminución do -3,38%, por riba da media estatal do -2,30%.

En termos interanuais, o dato do paro rexistrado galego en maio supón 10.395 inscricións menos que as que rexistraban as oficinas de emprego en maio de 2024. Tamén neste caso a redución relativa, do -8,52%, supera o dato global do Estado, un tamén relevante -5,87%.

As 111.641 inscricións no paro rexistrado son outro mínimo da serie histórica iniciada en 1996. Os dez meses con menos desemprego dende que hai rexistros comparables concéntranse entre 2024 e 2025

Como amosa o gráfico que acompaña estas liñas, a redución do paro rexistrado é un elemento relativamente frecuente no histórico do mercado laboral galego. Interanualmente só aumentou en maio en dúas ocasións dende 2013: naquel mesmo ano, aínda atinxido polas consecuencias da gran recesión, e mais en 2020, e plena pandemia da COVID.

As diminucións máis intensas do paro rexistrado en Galicia nun mes de maio foron as de 2015, cando a economía da UE comezaba a sentir os efectos do programa de compra de débeda do Banco Central Europeo, e mais a do ano 2021, como efecto do rebote un ano despois do confinamento.

Fóra da COVID, o paro rexistrado aumentou no mes de maio xa en 2008 e fíxoo durante a seguinte media década. En 2009 chegara a dispararse interanualmente en 50.000 persoas e en 2012 roldara as 40.000.

O panorama actual é ben diferente, atendendo aos datos. Así, os anos 2024 e 2025 acumulan os dez meses con menos paro rexistrado en Galicia dende que hai rexistros comparables, con maio deste maio e o pasado abril como os máis positivos. Na banda contraria están os datos do inicio de 2013, cando en Galicia chegaran a estar anotadas como demandantes dun posto de traballo máis de 290.000 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.