Anticorrupción pide que se investigue a Sousa e que sexa imputado

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

A Fiscalía Anticorrupción pediu ao xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz que admita a trámite a querela presentada contra o ex presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, e o conselleiro Alfonso Paz-Andrade por supostos delitos de falseamento de información económico-financeira, das contas anuais, así como polo uso de información relevante.

Anticorrupción pide admitir a querela por falseamento de información e uso de información relevante

O informe, difundido xa por varios medios, presentouse perante o Xulgado Central de Instrución número 5 da Audiencia Nacional. Anticorrupción solicita tamén que se declare competente para investigar as querelas formuladas contra diversos directivos da compañía galega.

Dúas desas querelas van contra contra Manuel Fernández de Sousa, o conselleiro Alfonso Paz-Andrade, e o socio da firma BDO Auditores Santiago Sañé Figueres, metres que outras dúas diríxense contra todos os membros do consello de administración das entidades Pescanova SA, BDO Auditores e Sabadell BS Bolsa FI, así como contra a presidenta da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A Fiscalía tamén solicita que se impute a Sousa e Paz-Andrade

A Fiscalía tamén solicita que declaren en calidade de imputados os directivos Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz-Andrade, ademais das empresas Inverpesca, Sociedade Galega de Importación de Carbóns, Sociedade Anónima de Desenvolvemento e Control, Transpesca, Nova Ardara Equities, Golden Limit e Iber-Comercio e Industria, "exclusivamente" en relación coa presunta comisión dun delito do art.285 do Código Penal. 

No mesmo documento solicítase que se investigue a multinacional Pescanova por "un presunto delito de falseamento de información económico-financeira", mentres que aos accionistas da multinacional pesqueira José Alberto Barreras e José Antonio Pérez-Nievas investígueselles por un "presunto delito de uso de información relevante".

Desestimado o recurso de Pescanova

Por outra banda, o xuíz do Xulgado Mercantil número 1 de Pontevedra, Roberto de la Cruz Álvarez, vén de ditar un auto no que desestima o recurso de reposición presentado por Pescanova contra a decisión de apartar a Manuel Fernández de Sousa da dirección do grupo e contra o nomeamento dun único administrador concursal.

O maxistrado ratifícase na súa resolución do pasado 25 de abril e rexeita a pretensión de Pescanova de ser intervida, en lugar de que suspendesen as súas facultades patrimoniais, segundo sinala o auto xudicial.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es
Alfonso Paz-Andrade © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.