Arbitraxe, asesoramento, vía xudicial... As persoas afectadas polas cláusulas solo buscan solución

Manifestación contra as cláusulas solo CC-BY Adicae

Emitida a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, que obriga aos bancos españois a devolver todos os cartos cobrados de máis polas cláusulas solo, queda saber agora como van recuperar os clientes todo ese diñeiro. Ducias de milleiros son os afectados en Galicia -os cálculos van desde os 70.000 até os 200.000- que parece que terán que pelexar coas entidades financeiras, dispostas a que teñan que recorrer á xustiza para reclamar o que se lles foi cobrado indebidamente. 

A banca parece disposta a obrigar aos afectados a recorrer á xustiza para reclamar o que lles foi cobrado ilegalmente

Todo dependerá agora da presión que Goberno central e resto de partidos poidan exercer sobre unha banca nada disposta a dar facilidades. O PSOE esixiu unha vía extraxudicial rápida a nivel estatal para atender os afectados, mentres que Ciudadanos reclamou tamén "unha arbitraxe áxil e sen custos para as familias afectadas". Porque, de non establecerse un método alleo á xustiza ou algunha forma de arbitrio como ocorreu coas preferentes en Galicia, só ha dúas vías posibles: a da xustiza e outra, que non semella moi doada, que é a negociación directa coa entidade bancaria por parte do cliente

De non haber arbitraxe ou devolución directa de oficio por parte do banco, só a vía xudicial é posible para recuperar os cartos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aínda cre nunha opción que parece tan noble como irrealizable: "o lóxico é que os bancos cumpran de oficia a sentenza e ingresen aos consumidores o importe da cláusula solo que o ditame do Tribunal da UE obriga a que sexa devolta". Segundo o xefe do Executivo galego, as entidades bancarias "están na obriga legal e moral" de pagar aos afectados o que lles corresponde "por soportar unha cláusula que non era legal". 

"No caso de que non o fagan", asegura Feijóo, a Xunta pon a disposición dos afectados "todos os medios legais e de asesoramento" que posúe a Administración galega, "que non é outra cousa que o Instituto Galego de Consumo (IGC)". Este organismo público, ao que xa teñen acceso de balde como asesoramento e información os consumidores galegos, é a opción que dá o presidente galego a través das súas sete oficinas e dunha web na que se poderán "tramitar as reclamacións". Ademais, tamén anunciou que se levarán a cabo xornadas informativas nas principais cidades e vilas do país onde os interesados poidan preguntar as súas dúbidas sobre o proceso a seguir. 

Feijóo cre que "o lóxico" é que os bancos "ingresen de oficio o importe": "están na obriga legal e moral"

Mentres, desde En Marea, o seu portavoz parlamentario, Luís Villares, anunciou que o grupo presentará unha proposición non de lei na Cámara na que isntará a Xunta a poñer en marcha un sistema de arbitraxe, semellante ao das preferentes, e solucións extraxudiciais para que os bancos devolvan as catidades cobradas de forma "indebida". 

En Marea esixe un sistema de arbitraxe semellante ao das preferentes e solucións extraxudiciais

Villares lembra, precisamente, que a Xunta "ten competencia" para "arbitrar" mediante o IGC, así como para impulsar unha solución extraxudicial. Para o voceiro de En Marea, o asunto "debe ser abordado de forma urxente" polo Goberno galego porque as administracións "deben tomar cartas no asunto". Entende que é un conflito que "supera con moito unha situación de carácter individual" polo que a solución debería ser "colectiva" dado o seu "interese público evidente" e para evitar que as familias se enfronte na "longos procedementos de carácter xudicial". 

Feijoo, tras o Consello da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.