Galicia destrúe emprego en outubro fronte á creación de 186.000 postos de traballo no Estado

© Montaxe: Praza.gal

Fronte á mellora no conxunto de España, en Galicia non se creou emprego, senón que se destruíu, pois a cifra de cotizantes á Seguridade Social (1.127.270) descendeu en 697 persoas en relación ao mes de setembro

Outubro é habitualmente un mes de contrastes estatísticos en materia de emprego. Adoitan crearse postos de traballo, especialmente no sector educativo coincidindo co reinicio das clases, pero tamén é habitual que se incremente o número de persoas inscritas como paradas nos servizos públicos de procura de emprego. Así sucedeu tamén este ano no conxunto do Estado, pois o número de afiliacións á Seguridade Social medrou en máis de 186 mil (186.612), a maior parte no sector educativo, polo que o número total de cotizantes acada un novo récord histórico, con 22,6 millóns.

Tamén se segue notando, aínda que xa menos, o efecto da regularización extraordinaria de poboación estranxeira. Se en setembro estres traballadores representaban no conxunto do Estado nove de cada dez novos cotizantes, en outubro foron o 34% do total. En cambio, o número de persoas inscritas nas oficinas públicas de emprego medrou en outubro en 43.128, un aumento que se explica en parte tamén como efecto da regularización. En calquera caso o dato total de desemprego rexistrado (2.422.633 persoas en toda España) é a máis baixa nun mes de outubro dende o ano 2007.

Ademais, aumentou tamén o paro rexistrado, con 2.412 persoas máis inscritas nos servizos públicos de emprego, que deixan a cifra total en 114.849

En Galicia, en cambio, no mes de outubro non se creou emprego, senón que se destruíu, pois a cifra de cotizantes á Seguridade Social (1.127.270) descendeu en 697 persoas en relación ao mes de setembro. É unha diminución cativa pero que converte Galicia nunha das seis comunidades autónomas nas que caeu o número de afiliacións, xunto con Baleares, Estremadura, A Rioxa, Cantabria e Castela-A Mancha. En calquera caso, o número total de traballadores e traballadoras en Galicia é superior en 24.286 persoas ao do mes de outubro do pasado ano.

Ademais, aumentou tamén o paro rexistrado, con 2.412 persoas máis inscritas nos servizos públicos de emprego, que deixan a cifra total en 114.849.

O desemprego rexistrado en Galicia sobe en todos os sectores, especialmente nos servizos (+2.013), pero baixa no colectivo de persoas sen emprego anterior (-9).

En outubro asináronse 65.770 contratos en Galicia, dos que 20.285 foron indefinidos, menos dun terzo do total. Algo máis do 30,5% dos contratos en vigor son indefinidos, unha porcentaxe moito máis ampla que antes da aplicación da reforma laboral pero moito menor á que se dá no conxunto do Estado, onde supera o 42%. 

A CIG destaca que os datos amosan "unha vez máis a extrema debilidade do mundo laboral do noso país". O sindicato nacionalista subliña que as mulleres maiores de 45 anos volven ser o colectivo máis castigado polo desemprego a pola contratación precaria

A CIG destaca que os datos amosan "unha vez máis a extrema debilidade do mundo laboral do noso país", destacando que a diferente comportamento da educación e das actividades vinculadas ao período estival volve 
revelar "o importante compoñente estacional do emprego galego". O sindicato nacionalista subliña que as mulleres maiores de 45 anos volven ser o colectivo máis castigado polo desemprego a pola contratación precaria (parcial e fixa descontinua). 

E destaca que a caída da afiliación se concentra no Sistema Especial Agrario, que perde 1.287 afiliacións, un 
16,2%. Tamén descenden as persoas autónomas do sistema especial agrario e a afiliación ao Réxime do Mar por conta allea. Os incrementos nos restantes réximes non abondan para compensar estas perdas.

“Ás portas dunha folga xeral e dunhas eleccións, constátase unha vez máis o fracaso das políticas de emprego, tanto do Goberno central como da Xunta, o que demostra que sobran razóns para ir á folga”, afirma o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.

CC.OO. salienta "as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego en comparación co conxunto do Estado". "Nisto algo terán que ver as políticas -ou máis ben a ausencia delas- que desenvolve a Xunta", advirte Maica Bouza

Mentres, CC.OO. salienta "as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego en comparación co conxunto do Estado". "Nisto algo terán que ver as políticas -ou máis ben a ausencia delas- que desenvolve a Xunta", advirte Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas. Bouza insta a Xunta a "facer política para os galegos e as galegas" e aproveitar os orzamentos autonómicos de 2027 para "impulsar as medidas necesarias que permitan reverter a evolución negativa do mercado laboral galego". 

Para Bouza, Galicia necesita "medrar, crear emprego de calidade, incrementar a súa poboación e converxer co Estado e con Europa". CC.OO reclama unha poasta por "un sector industrial forte e cun sector servizos de alto valor engadido".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.