As 200 persoas socias de 'Som Energia' en Galicia celebran a súa asemblea

Asemblea de Som Energia © Som Energia

Cada vez son máis as persoas que se interesan polas novas alternativas para a produción e comercialización de enerxía eléctrica, sobre todo despois do incremento de prezos vivido nos últimos anos, e das incertezas xeradas a raíz dos sucesivos cambios lexislativos. Dende hai uns meses, ademais, asistimos ao crecemento dalgunhas cooperativas de produción e comercialización electricidade, coma Goiener, Enerplus, Zencer, Nercoop, Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega ou Som Energia. Estas cooperativas garántenlles aos seus socios e socias que toda a enerxía que reciben procede de fontes limpas, renovables, e así mesmo o feito de seren unha cooperativa ofrece a posibilidade de que os usuarios participen con voz propia na toma de decisións, e de que estas se toman de maneira transparente.

Som Energia, con orixe en Catalunya, é probablemente a máis importantes. Supera amplamente os dez mil socios en todo o Estado (nomeadamente en Catalunya, Baleares, Madrid, Andalucía, Valencia e o País Vasco), e en Galicia, onde contan cun grupo territorial, contan con máis de 200. A cooperativa celebra este sábado a súa asemblea xeral, en Girona, pero simultaneamente cada un dos seus grupos territoriais (un total de 15) manterán tamén a súa respectiva asemblea, que ademais estarán conectadas por videoconferencia con Catalunya. En Galicia terá lugar na rúa Bugallal Marchesi da Coruña, a cidade na que dispoñen dunha implantación máis consolidada.

Daniel Espiñeira é un dos impulsores do grupo galego, que comezou a traballar algo despois do verán de 2012. En xullo dese ano, no marco dun Encontro sobre enerxías renovables na economía social e solidaria en Galiza, presentouse a iniciativa por vez primeira no noso país. Dende entón, o grupo galego foi consolidándose, estruturándose como tal agrupación territorial, e funcionando de maneira moi autónoma, sobre todo nas tarefas de difusión, comunicación e captación de socios e socias, tamén na de procura de proxectos de produción, ou nas xestións coas administracións públicas.

Som Energia crece de vagar pero de forma constante en Galicia, cada mes con entre 5 e 10 novos socios e socias. “A xente que se achega á cooperativa é xente cunha certa conciencia ecolóxica e que lle dá un valor importante ao tema das enerxías renovables. Achégase tamén moita xente que está indignada coas grandes empresas eléctricas e coas portas xiratorias entre a política e elas, xente que quere apoiar un proxecto que defende outro modelo de sistema enerxético", destaca Daniel Espiñeira. "En principio non ofertamos un servizo máis barato, o prezo é moi semellante ao que ofrecen o resto das comercializadoras, aínda que nesta asemblea se vai debater e aprobar unha nova facturación. O bo do noso prezo é que é transparente e xusto: é o que nos custa á cooperativa, xa que non temos ánimo de lucro", engade. Espiñeira conclúe que "a outra vantaxe é a posibilidade de participar de forma horizontal na xestión da cooperativa, a posibilidade de tomar decisións de forma democrática sobre o seu funcionamento".

“A xente que se achega á cooperativa é ten unha certa conciencia ecolóxica. Achégae tamén moita xente que está indignada coas grandes empresas eléctricas"

Nas asembleas desta fin de semana, ademais de debater varios asuntos xerais e de xestión interna da cooperativa, debaterase e aprobrase unha nova facturación, produto dos recentes cambios legais neste apartado. Tamén se debaterán novos criterios para os novos proxectos de produción, que son os que definen como queremos xerar a enerxía e que proxectos financiamos. A cooperativa acordou unha serie de criterios xerais e outros específicos para cada tecnoloxía: fotovoltaica, eólica, biogás, biomasa e hidráulica. Así mesmo aprobarase unha declaración antinuclear de rexeitamento á nova posta en marcha da central de Garoña, e que incluirá unha acción preparada polo grupo local de Barakaldo.

Tamén se aprobará unha declaración antinuclear de rexeitamento á nova posta en marcha da central de Garoña, e que incluirá unha acción preparada polo grupo local de Barakaldo

As asembleas deste sábado servirán para consolidar unha entidade que nos últimos meses, a pesar dalgunhas dificultades legais impostas a este tipo de proxectos, foi consolidando a súa alternativa. Por exemplo, en marzo inaugurouse en Lleida unha nova planta de biogás que, xunto con outros proxectos que pouco a pouco se irán poñendo en marcha nos vindeiros anos (xa conta con varias plantas fotovoltaicas), permitirá que a cooperativa distribúa cada vez máis enerxía propia, no canto de depender das grandes empresas xeradoras. De igual xeito, hai uns días o concello de Sant Celoni (Barcelona) converteuse no primeiro de todo o Estado en contratarlle electricidade a Som Energia.

Asemblea de Som Energia © Som Energia
Instalación de placas solares © Som Energia
Imaxe dunha asemblea de Som Energia, en Catalunya © Som Energia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.