As demandas a Bankia polas accións medran en Galicia, con 7.000 afectados

Xunta de accionistas de Bankia © Bankia

Ata 7.000 galegos poderían ser os afectados en Galicia polo investimento en accións de Bankia, segundo a porcentaxe do mercado bancario galego en mans desta entidade no momento no que saíu a Bolsa. O investimento medio de cada un destes cidadáns situaríase nos 9.000 euros, polo que o total do investido desde o país superaría os 60 millóns de euros. 

Uns 7.000 galegos poderían estar afectados polo investimento nas accións de Bankia, que superaría os 60 millóns de euros en Galicia

Así o asegura o despacho de avogados Caruncho, Tomé & Judel, que leva os casos de varios galegos afectados, que reclaman a nulidade das accións de Bankia mercadas cando a entidade xa falseara as súas contas. "É unha cifra bastante aproximada, aínda que nunca a saberemos con exactitude porque o banco négase a facilitar os datos", explican os letrados, que advirten da próxima perda de dereito á reclamación por parte dos investidores. Podería ser xa dentro dun mes, segundo aseguran, aínda que se facilitaron diferentes datas límite para as reclamacións e aí a interpretación dos xuíces terá moito que ver. Os xuíces poderían computar o prazo de tres anos partindo da dimisión de Rodrigo Rato (o 7 de maio de 2012) ou mesmo a negativa dos auditores a dar o visto e prace ás contas anuais de 2011 (o 30 de abril de 2012), tal e como explica Ignacio Caruncho. 

A derrogación das taxas xudiciais fixo incrementar nas últimas semanas o número de reclamacións xudiciais

As reclamacións contra Bankia pola saída a Bolsa está experimentando un importante incremento nas últimas semanas, tamén en Galicia, segundo explican fontes coñecedoras do proceso xudicial. A recente derrogación das taxas xudiciais fai que moitos pequenos investidores que descartaban este recurso se decidan agora a facelo. Coas taxas xa anuladas, a vía xudicial supoñía un gasto mínimo de entre 150 e 300 euros e arredor duns 1.000 euros no caso de ter que recorrer. Agora, moitos deses pequenos investidores que achegaron entre 1.000 e 2.000 euros están cambiando de opinión. "Son pequenos accionistas aos que, no caso de ter que pagar as taxas, nin tan sequera lles pagaba a pena acudir aos xulgados; agora si que reclaman porque ven que si lles pode ser rendible", aclaran desde o despacho de avogados. 

E aquí onde Bankia se pode atopar tamén cun problema. A entidade bancaria fixo unha provisión de fondos de 780 millóns de euros como máximo para facer fronte ás reclamacións, pero non tivo en conta os pequenos investidores, consciente quizais daquela de que moitos deles non acudirían á xustiza. No caso de que moitos destes pequenos accionistas reclamen, o "desfase" pode ser importante, xa que o investimento total na saía á Bolsa do banco foi de 3.000 millóns de euros. 

Bankia fixo unha provisión de fondos de 780 millóns para facer fronte ás reclamacións que agora poderían quedar moi curtos

En Galicia, hai casos de todo tipo, aínda que a media situaríase nos 10.000 euros de investimento. "Coñecemos xente que investiu 300.000 euros e outros de entre 1.000 e 3.000... E son estes últimos os que agora empezan a reclamar pola vía xudicial", insisten as mesmas fontes. Ademais, os avogados encargados delas recomendan demandas individuais e non colectivas, así como civís e non penais, xa que estas últimas "poderían levar moito máis tempo, co risco de que ao final non se logren recuperar os cartos". 

A media de investimento en Galicia é duns 10.000 euros, pero hai casos de 300.000 e de 1.000

Noutros casos de fóra de Galicia, Bankia decidiu devolver os cartos dos primeiros clientes que reclamaron mesmo antes de que saíra a sentenza. Intentan así evitar o ruído agora que o FROB está a vender a súa participación na entidade e cambian de estratexia, xa que este banco adoitaba loitar nos xulgados todas e cada unha das reclamacións que recibían. Falta por ver agora o que acontece en Galicia con todas estas reclamacións, que se presentarán maioritariamente en abril. 

Protesta contra Bankia antes dunha xunta do banco CC-BY Adicae

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.