As distincións a Gayoso e Méndez, postas en cuestión en Vigo e na Coruña

José Luís Méndez © capitalmadrid.com

O pleno da cidade herculina aprobou a retirada do título de fillo predilecto a José Luís Méndez nunha sesión á que asistiu un grupo de afectados polas preferentes. Os catro grupos con representación presentaron cadansúa moción e finalmente aprobouse a presentada polo PP, que contou co apoio de BNG e EU e a abstención do PSdeG-PSOE. A razón da abstención dos concelleiros socialistas está en que a moción incluía un segundo punto contra os concelleiros Salvador Fernández Moreda e Mar Barcón. O texto instaos a abandonar todos os seus cargos públicos e a devolver as dietas cobradas como conselleiros de Caixa Galicia "avalando as decisións que provocaron a desaparición da caixa". A moción critica tamén a mala xestión, as preferentes e as indemnizacións millonarias.

A razón da abstención dos concelleiros socialistas está en que a moción incluía un segundo punto contra os concelleiros Salvador Fernández Moreda e Mar Barcón

Pola súa banda, e case en paralelo, o BNG anuncia que defenderá a retirada da medalla de Ouro de Vigo ao exdirector da antiga Caixanova e posteriormente copresidente de NovaCaixaGalicia, Julio Fernández Gayoso. Deste xeito, o Bloque recolle a demanda manifestada polos afectados das preferentes e considera inaceptable que o exbanqueiro siga mantendo a distinción que a corporación viguesa lle concedeu en 1997. “Cada quen ten que asumir a súas responsabilidades e non parece moi coherente que Gayoso siga tendo esta distinción”, asegurou Iolanda Veloso, quen sinalou que a formación nacionalista estudará como presenta a solicitude, ben como moción ou ben como declaración conxunta. “Non é de recibo que Gayoso e Méndez manteñan estes honores e agardamos ter o respaldo do resto dos grupos da corporación”, manifestou Veloso.

José Luís Méndez © capitalmadrid.com
Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.