A conselleira do Medio Rural e o delegado do Goberno mantiveron esta martes unha xuntanza con responsables da Garda Civil e a Policía Autonómica co obxectivo de coordinar os efectivos das dúas administracións no labor de control da couza da pataca para evitar a súa extensión. Neste senso, Garda Civil e Policía Autonómica iniciarán nos vindeiros días controis de tráfico nas estradas dos 31 concellos afectados pola praga, nos que está prohibido o tránsito de tubérculos "salvo que se realice baixo seguimento oficial como traslado aos vertedoiros autorizados". O incumprimento desta norma será castigado con multas que van dende os 300 ata os 3.000 euros.
A entrada de pataca nestes concellos será só para consumo directo e irán preparadas e envasadas para o comprador final. En todo caso, estas xa nunca poderán saír da área demarcada, unha vez fosen almacenadas en instalacións localizadas neste entorno.
A Xunta decretou unha zona tapón noutras 16 localidades límitrofes, nas que os e as produtoras tamén deben declarar as plantacións e os tubérculos recollidos non se poderán dedicar a sementar
O pasado venres Medio Rural publicou unha resolución no DOG na que desenvolvía o real decreto do Ministerio de Agricultura, aprobado hai dez días e concretaba as accións prohibidas e tamén as actuacións previstas. Unha das novidades que presentaba esta resolución de Medio Rural era a incorporación dunha zona tapón, formada polos erreos comprendidos nunha franxa de 5 quilómetros ao redor dos límites dos 31 concellos afectados pola praga. Nesta situación están incluídos a totalidade dos termos municipais de Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. E, ademais, unha parte significativa doutras 11 localidades: Pontedeume, Monfero, Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
Nestes 16 concellos tapón tamén se aplicará o tratamento fitosanitario ás patacas, instalaranse trampas de feromonas e os tubérculos recollidos non se poderán destinar a sementar. Hai, igualmente, medidas de obrigado cumprimento para os almacenistas.
Nos 31 concellos afectados está prohibido o cultivo de pataca durante dous anos, e tamén é obrigatorio o levantamento e destrución das patacas xa plantadas tanto neste ano coma en anteriores. Ademais, é preciso levar a cabo un tratamento fitosanitario nas parcelas de cultivo. Será a Xunta de Galicia a que asuma este traballo de transporte (en camións estanco) e a destrución dos tubérculos. Os almacéns deberán entregar todas as patacas e sementes, desinfectar e desinsectar axeitadamente os locais, instalar trampas específicas de feromonas e destruír os sacos e caixas que estiveran en contacto coas patacas infectadas ou simplemente na mesma estancia.
A resolución publicada o pasado venres marcaba ademais un prazo de 15 días hábiles para comunicar as parcelas plantadas antes da entrada en vigor do Real decreto. Medio Rural publicará nos vindeiros días unha orde que recollerá as compensacións para aqueles produtores que tivesen que destruír pataca. As contías pecharanse en negociacións con Ministerio e o Goberno de Asturias para igualar as mesmas.