As múltiples e eternas escusas para xustificar o atraso dos floteis de Pemex

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Hai escusas para todos os gustos. O novo atraso na licitación dos dous floteis que Pemex ten previsto construír nos estaleiros galegos fixo agromar desde o Goberno galego outro pretexto máis. Outra desculpa para xustificar os atrancos que fan que o inicio dos traballos en Navantia e Barreras acumule xa máis dun ano de demora. Agora, a dilación na chegada dos buques é debida ás "dificultades" derivadas das recentes reformas educativa e enerxética acometidas en México e que provocaron unha importante tensión social. Así o dixo Núñez Feijóo tras o último Consello da Xunta.

Foi o pasado venres cando recoñeceu "unha ansiedade compartida" co Executivo central sobre o "mes concreto" no que se comezarán a construír os floteis de Pemex nos estaleiros galegos. Pero insistiu tamén en que non ten por que cuestionar o pacto entre a petroleira e Navantia e Barreras. "Se tivese algunha información de que se incumpre ese compromiso, por suposto que a miña obriga sería trasladala de xeito inmediato, pero de momento non a hai", explicou. Polo momento, a adxudicación dos floteis polo que agardan os estaleiros galegos será finalmente no vindeiro mes de novembro, malia estar anunciada para o pasado 18 de setembro.

Feijóo xustifica agora nas "dificultades" derivadas da reforma enerxética e social en México o atraso nos floteis de Pemex

Agora a falta de novidades é debida á tensión social derivada de varias reformas políticas no país azteca. Antes, no mes de xullo, Feijóo atribuía os atrancos ao tax lease. "Agora acreditamos que os problemas dos contratos de Pemex eran do tax lease desde o punto de vista do inicio de corte e chapa; a empresa díxonos que empezaba a avaliar a resolución para tomar a decisión definitiva", asegurou o presidente, que advertira tamén de que se lle "botara a culpa a Xunta" cando o problema (disque) viña de Europa. Segundo a contorna do xefe do Executivo galego chegouse a afirmar tamén que as informaciónx xornalísticas sobre a demora dos contratos e as críticas da oposición poderían ter prexudicado a operación.

Uns meses antes, os problemas que sempre xustificaban o atraso no inicio da construción dos floteis eran os avais que Barreras tiña que conseguir. Mesmo Feijóo se encargara en febreiro de pedirlle á petroleira mexicana máis tempo para que o estaleiro vigués acadese eses avais que lle permitisen asumir o contrato dos buques. Pouco despois, o presidente da Xunta viaxou a México, volveu prometer a licitación dos barcos -desta vez para xullo- e advertía das bondades do Pacto por México, un plan que contemplaba "40.000 millóns de dólares en investimentos anuais" dos que, afirmaba, Galicia se podería beneficiar en ámbitos diversos. Co paso do tempo, un escándalo electoral sacudía este plan ao fiaba os investimentos Feijóo, que tamén escusou a demora na formación do novo executivo azteca. Á volta, Pemex anunciaba o acordo para facerse co control de Barreras.

A falta de tempo para que Barreras conseguise os avais e a resolución do 'tax lease' foron outros dos argumentos empregados pola Xunta

Xa que logo, os floteis prometidos en plena precampaña e campaña electoral das últimas autonómicas acumulan xa un ano de atraso. No programa do PPdeG para aqueles comicios admitíase que os buques aínda se estaban "a negociar". Porque as continuas negociacións foron outras das escusas máis recorrentes por parte da Xunta e do partido que goberna para xustificar os numerosos atrancos. Os contratos, malia os requirimentos da oposición e dos sindicatos, seguen sen ser públicos, atendendo á confidencialidade que tería exixido Pemex. E a "ansiedade" que admite Feijóo segue medrando entre os traballadores.

"Os que incomprensiblemente brindaban porque non acadariamos traballo para os estaleiros galegos, que garden as botellas para a botadura dos floteis". Este é o contido do último tweet publicado pola conta aberta na rede social por Núñez Feijóo para a campaña electoral. É do 29 de setembro de 2012. Hai un ano e un día.

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.