"Cada vez hai máis empobrecemento da sociedade, polo que o que se require é unha resposta contundente". Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, confía en que a sociedade galega "dea un resposta importante" ás políticas do PP na folga xeral do vindeiro día 14. Asume que pode haber "certa desmobilización" nalgúns sectores tras o resultado electoral, pero cre que os duros axustes do Goberno acabarán empurrando a unha grande maioría social ao paro.
Que espera a CIG desta folga xeral?
Afrontamos a folga xeral coa idea de que haxa unha resposta social importante porque as medidas que segue a adoptar o Goberno son moi duras e están tendo unhas consecuencias moi graves. Están afectando a dereitos xa adquiridos en canto á calidade de vida e de traballo e demostrándose tamén como inútiles para reactivar a economía. As previsións falan de que continuará a recesión e que haberá máis desemprego, polo queu as medidas da dereita non posibilitan para nada unha saída. Cada vez hai máis empobrecemento da sociedade, polo que o que se require é unha resposta contundente.
A CIG agardou polos outros sindicatos malia que prevía xa un paro xeral en setembro. É clave a unidade para o éxito desta folga xeral?
Nós eramos partidarios de dar unha contestación antes. Primeiro porque a reforma laboral estaba máis fresca en setembro e había máis sensibilización, e tamén porque houbo mobilizacións moi importantes durante o verán. En calquera caso, as outras organizacións non o viron así e pareceunos que o lóxico era acordar unha convocatoria unitaria, polo que tamén será máis doado que se sumen máis sectores e que a resposta sexa máis contundente.
"O lóxico sería que moitos autónomos e pequenos empresarios se unisen á folga xeral"
UGT e CCOO confían en que pequenos empresarios e autónomos van dar un paso adiante e secundarán en boa medida a folga xeral, está de acordo?
Polos contactos que nós tivemos con organizacións deses sectores e polo que vives día a día, é evidente que hai moita preocupación e que tanto os autónomos como os pequenos empresarios séntense moi afectados polas políticas do PP, fundamentalmente pola falta de liquidez e crédito. Ademais, estes sectores dependen moito da capacidade de consumo dos asalariados e todo termina arrastrando tamén as pemes. O lóxico sería que moitos deles se unisen á folga xeral, pero tamén é certo que neste sector adoita haber un enorme individualismo. Moitos deles teñen mentalidade de grandes empresarios e actúan cunha mentalidade como se fosen Amancio Ortega. Así non van a ningures e creo que a situación é bastante dura como para que se decaten de que do lado que teñen que estar é do daqueles que os poden axudar a manter os seus negocios e que son os traballadores asalariados.
"A maioría absoluta do PP produciu unha certa desmoralización, pero as políticas do PP son tan duras que a xente superará ese pequeno trauma e secundará a folga"
Cre que a maioría absoluta do PP pode provocar a desmobilización dalgúns sectores de cara á folga xeral?
A maioría absoluta do PP, en certos sectores, é evidente que produciu unha certa desmoralización e incluso desmotivación de cara á participación na folga xeral, sobre todo despois das enormes manifestacións que houbera aquí en Galiza antes dos comicios. En calquera caso, supóñome que os que votaron o PP non son os que se mobilizaron nas folgas xerais anteriores. Por outra banda, hai que ter en conta que o PP perdeu milleiros de votos e sobre todo en zonas con máis dinamismo e contestación social como as cidades e as grandes vilas. As políticas da dereita seguen sendo igual de duras e antisociais, polo que a xente superará ese pequeno trauma poselectoral que puidesen ter algúns tras os comicios e secundará a folga.
Convencer os votantes do PP é unha das claves?
Aquí tamén se trata de arrastrar os que votaron o PP cara á folga xeral e que se dean conta de que apoiando a dereita non só non saímos da crise, non só non superamos esta situación, senón que imos nun camiño que non ten saída. Nese traballo estamos e teremos que facer ese labor de convencemento desde as centrais sindicais. Non podemos quedarnos co que ocorreu o día 21 de outubro, senón con que as políticas que se fan séguennos a prexudicar e a empobrecernos.
"A dereita española está aproveitando a crise para intentar implantar todo o seu modelo económico e de Estado e para seguir servindo á oligarquía"
Unha gran contestación na rúa pode facer que a Xunta ou o Goberno central viren un pouco o rumbo?
A contestación social que está habendo e a comprobación de que as súas políticas non están axudando a saír da crise debería levar o PP a facer unhas políticas diferentes das que fixo até o de agora. Pero o que demostra o paso do tempo tamén é que a dereita española está aproveitando a crise para intentar implantar todo o seu modelo económico e de Estado. Eles van seguir gobernando para aqueles que sempre se deberon, para a oligarquía española á que sempre defenderon. Imos ter que seguir con contestación social e mobilizacións cada día máis numerosas se é que queremos realmente parar isto.
E cambiará a actitude da UE?
Que coincida a folga xeral con outras convocatorias noutros estados da periferia de Europa é un factor moi importante. É importante de cara á UE, ao BCE e ao propio FMI para que vexan que hai unidade e coordinación entre os movementos sociais para contestar as súas políticas. Isto pode axudar a que valoren que por aquí non se vai a ningures e que o único que fai é xerar máis empobrecemento e, ao mesmo tempo, contestacións máis duras e radicais. Esta é a mensaxe que tamén temos que mandar ás autoridades europeas.
A CSI-F optou por non secundar a folga xeral, que opinión lle merece esa decisión?
A CSI-F foi sempre e tradicionalmente un sindicato achegado á dereita. Os seus vínculos co PP son importantes e a min dáme a impresión de que o PP fixo certos movementos e presións para que deixen de apoiar protestas unitarias coas organizacións de clase. Coido que é iso o que explicaría as actitudes do CSI-F. Saberemos pouco a pouco se o cambio de postura deste sindicato tamén se debe a algunhas contraprestacións por parte do Goberno.