As protestas do persoal de Linorsa obrigan o Concello de Vigo a actuar

Concentración das traballadoras de Linorsa © CIG

O pleno do Concello de Vigo vén de aprobar por unanimidade unha moción da Marea na que se lle esixe á empresa Linorsa, concesionaria do servizo de limpeza en instalacións municipais e colexios, que pague os soldos que lles adebeda aos seus traballadores e traballadoras. A moción engade que, de non facelo, o Concello adoptaría "as medidas oportunas" en base a "faltas moi graves" recollidas no contrato de concesión, chegando mesmo "á resolución do contrato".

O pasado 29 de decembro as contas da empresa foron bloqueadas por Facenda, coa que mantén unha débeda de 1,9 millóns de euros

Esta toma de posición chega despois de semanas de mobilizacións do persoal da concesionaria, que lles adebeda o salario de decembro e a paga extraordinaria. A situación repítese en Lugo, Pontevedra, A Coruña ou Vilagarcía. Linorsa é concesionaria dos servizos de limpeza das dependencias de numerosos organismos públicos en toda Galicia. O pasado 29 de decembro as contas da empresa foron bloqueadas por Facenda, coa que mantén unha débeda de 1,9 millóns de euros.

No pleno, ao que asistiu un bo número de empregadas e empregados de Linorsa en Vigo, o concelleiro David Regades afirmou que o Goberno municipal está "do lado dos traballadores" e informou de que o pasado 18 de xaneiro lle remitiu á concesionaria un informe xurídico no que lle lembra á empresa as súas obrigas laborais. O Concello advertiulle a Linorsa que, transcorridos 15 días sen atender ese requerimento, se procedería "a iniciar o regulamentario expediente sancionador".

Marea e BNG reclaman a remunicipalización do servizo

Rubén Pérez, voceiro da Marea, preguntouse “por que se meten recursos públicos nun saco sen fondo” e cuestionou “quen controla” á concesionaria, beneficiada con varias adxudicacións e contratos e mesmo cunha prórroga recente. Dende a Marea, denúnciase que se está asistindo a un "bochornoso espectáculo", produto "das concesións que se dan neste Concello e o posterior laissez faire sen control que dá lugar a este tipo de situacións". A formación reclama "a remunicipalización dos servizos como opción para ter un control directo sobre os servizos públicos, garantir os dereitos das e dos traballadores que dependen deles, alén da garantía de calidade e retorno cidadán". Xose Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, considera que "este sistema de contratación e non control no Concello de Vigo está xerando unhas dinámicas que, tal e como estamos vendo nos últimos tempos, están derivando no xulgado, así como en suspensións de concursos públicos, como o recente do mantemento das instalacións de alumeado público e o de xardinería no seu día".

O BNG, pola súa banda, critican "a falta de resposta por parte do Goberno Municipal" e sinala que "este novo conflito pon en cuestión a xestión privada de servizos públicos", apostando pola apostan pola "progresiva remunicipalización dos principais servizos públicos do Concello". 

Concentración das traballadoras de Linorsa © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.