As reclamacións dos afectados galegos polas preferentes chegan á Eurocámara

Manifestación contra as quitas das preferentes en Vigo Dominio Público @feminismogaliza

Unha delegación da Coordinadora de Plataformas de Afectados de Galiza por Preferentes e Subordinadas intervirá este mércores 24 ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para solicitar deste órgano un ditame que "demande das autoridades comunitarias, españolas e galegas que cumpran a normativa que debía protexernos como clientes bancarios e se esixa aos respectivos gobernos que arbitren as medidas precisas para que as vítimas desta estafa recuperen a totalidade dos seus aforros".

Os afectados pedirán á Eurocámara que reclame á UE, ao Estado e á Xunta a devolución íntegra dos seus aforros

A decisión de presentar unha queixa en Bruxelas chega, segundo a coordinadora, logo de "descubrir que o Goberno español, na xustificación da petición dun rescate para a banca española, fixo constar que as persoas con participacións preferentes e subordinadas eran todas investidoras, non aforradoras", como sucede en máis do 90% dos casos. "Agora pretende que asumamos unha parte do rescate da banca nacionalizada espoliándonos a maioría dos nosos aforros", denuncian.

Para desmentir esta falsificación, xa a finais de novembro do 2012, unha ampla representación desta coordinadora presentou unha queixa diante da Secretaría da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que foi moi ben acollida, admitida a trámite e que vai ser debatida este mércores. Daquela, a representación galega, acompañou a súa denuncia verbal con documentos que recollían moitas das irregularidades cometidas polas caixas galegas, así como testemuñas de persoas estafadas, datos e imaxes do perfil destas persoas e das mobilizacións realizadas, copias das sentenzas xudiciais e dos milleiros de laudos arbitrais, todos favorábeis aos clientes.

A coordinadora galega confía nun ditame "claro e firme" que faga ao Goberno "asumir a súa responsabilidade"

Así, Suso Domínguez, de Compostela, Xulio Vicente, do Rosal e Miriam Rodríguez, de Tui, serán os que defendan esta petición este mércores, á que engadirán novas copias de documentos que "acreditan que esta foi unha estafa planificada e xeneralizada entre os aforradores galegos", así como un vídeo con novas testemuñas e denuncias de moitas institucións, Todo co obxectivo de "reforzar" a reclamación.

As esperanzas da delegación galega pasan por obter o apoio dos membros da comisión e que emita un ditame "claro e firme que esixa o Goberno español, dono do 100% de Novagalicia Banco, a devolución da totalidade dos aforros que foron estafados por esta entidade a miles de galegos e galegas". "Se o Goberno do Estado autorizou, consentiu, falsificou a realidade e legalizou esta estafa, ten que asumir agora a súa responsabilidade e devolver aos máis de 60.000 aforadores galegos que seguen estafados a totalidade do seu capital colocado en preferentes e subordinadas", rematan.

Protesta de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.